martes, 24 de abril de 2012

Ordes recibe este sábado as III xornadas ‘A discapacidade hoxe’


Terán lugar no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Linares

As III Xornadas ‘A discapacidade hoxe’, que nos últimos anos ven organizando o Concello de Ordes xa teñen data de celebración. Será o vindeiro sábado 28 de abril e englobaranse dentro da  xornada adicada á diversidade funcional que se desenvolverán na feira multisectorial e de maquinaria agrícola Expo Ordes 2012.

Dende as 10:00 ata a 13.30 horas, e novamente dende as 16:00 ata as 19:00 horas, directivos, responsables e presidentes das principais asociacións e organizacións que atenden distintas discapacidades estarán no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Linares. Neste escenario levaranse a cabo todas as charlas, ponencias e coloquios que serán de balde para os interesados e interesadas e nas que poderán participar plantexando as súas dúbidas e suxestións.

Manuel Regos e Lucía Iglesias, alcalde e concelleira de Diversidade Funcional do Concello de Ordes respectivamente, serán os encargados de abrir estas xornadas. A continuación Feliciano Sola, presidente de FAXPG, ofrecerá a ponencia ‘As perxoas sordas podemos e queremos’. Ás 11:00 horas será o turno de Loli Venancio, delegada-presidenta da ONCE en Galicia, coa súa charla ‘Barreiras mentais’. Xa ás 11.45 horas falará Francisco Abuín, responsable de formación de COGAMI quen lle cederá o testigo a partir das 12.30 horas a Eladio Pérez, presidente de FADEMGA.

Clausura
Tras unha pausa para xantar volverase a retomar o programa a coa intervencvión de ADISCORDES e ASEM. Neste caso a poñente será Tahis Pousada, terapeuta  e profesora de terapia ocupacional na Escola de Ciencias e Saúde da Coruña. A continuación falarán Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES; Juan Martínez, presidente de Down Compostela e Cipriano Luis Jiménez, vicepresidente da Federación de autismo.

A clausura destas III Xornadas ‘A discapacidade hoxe’ está prevista para as 19:00 horas e novamente correrá a cargo do alcalde de Ordes e da concelleira de Diversidade Funcional. 

*

*