Os socialistas proporán ao pleno que o IES nº 1 leve o nome do escritor e
director ordense Euloxio Rodríguez Ruibal
O Partido Socialista de Ordes instará este xoves ao Concello de Ordes a que “faga
efectiva sen máis dilación” a moción aprobada o pasado 26 de xaneiro pola cal
se prohíbe a circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas, sobre todo dos
camións de Sogama, pola estrada de Mercurín ou que a Xunta de Galicia asuma a
titularidade deste vial. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús
Pedreira, explica que “tres meses despois da aprobación da moción en pleno, os
camións de gran tonelaxe seguen a pasar e deteriorar a estrada, a pesares do
rebacheo, e agora coa chuvia se incrementa a inseguridade tanto para os peóns
como para os condutores”.
Xesús Pedreira asegura que “todo dá a entender que a Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Infraestruturas non vai facer nada e, nestes tempos de
crise, para o Concello de Ordes o custe económico de manter esta estrada é moi
elevado”. Por iso, aproveitará a sesión plenaria do vindeiro xoves 26 de abril
para solicitar o cumprimento da moción aprobada o pasado 26 de xaneira con 11
votos a favor (7 de UXO, 2 BNG, 1 PSOE e 1 Alternativa dos Veciños) e coas 6
abstencións do PP.
Estrada en mal estado
O concelleiro socialista lembra que “esta estrada está en moi mal estado,
con grandes fochas, polo tráfico escesivo que soporta a diario, especialmente
de tráfico pesado e, sobre todo, dos camións de Sogama, que como todos sabemos
son de gran tonelaxe”. Un mal estado que contribúa a que se produzan
accidentes, con perdas de vidas humanas e con desperfectos nos propios
vehículos, situación que afecta directamente ás arcas do Concello de Ordes que
ten que asumir gran parte deses gastos.
As obras de mellora na estrada de Mercurín, que une o polígono de Merelle
(Ordes) coa localidade de Cerceda, teñen un orzamento de máis de 2,8 millóns de
euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas polo Concello de Ordes no
ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta de Galicia en 2010 (por un importe de
150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio entre o Concello de
Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio para
que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que non se dá producido.
Os traballos de mellora e ensanche desta estrada, de 8,275 metros de
lonxitude, teñen un prazo de execución de 24 meses e atravesan os lugares
de A Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia
e Vilasenín. Na actualidade, o ancho medio desta estrada é de 7 metros, dos que
só 6 son aproveitables para o tráfico rodado. O novo proxecto contempla ampliar
esta estrada ata acadar un ancho total da plataforma de 10 metros, con arcéns
de metro e medio a cada lado. Unha nova anchura á que habería que engadir
sendas cunetas dun metro de ancho cada unha. Así mesmo, o proxecto contempla a
mellora do firme da estrada, que pasará a ter unha categoría especial para
soportar tráfico pesado, e varias actuacións nas cunetas para favorecer a
evacuación do auga e impedir o seu taponamento pola maleza.
Euloxio Rodríguez Ruibal
Por outra banda, os socialista de Ordes proporán tamén que o IES nº 1 de
Ordes leve o nome de Euloxio Rodríguez Ruibal, prestixioso escritor e director
de teatro nado en Ordes o 16 de marzo de 1945 e que está considerado como un
dos renovadores do teatro galego. Rodríguez Ruibal é un dos dramaturgos máis
fructíferos en lingua galega. Na actualidade é profesor na Universidade de Santiago
de Compostela e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, institución
da que é membro dende marzo de 2005. Ademais de ser presidente da Asociación de
Escritores en Lingua Galega e director das galerías de arte Torque e Citánia,
Euloxio Rodríguez formou parte do grupo Ditea, prestixiosa agrupación de
teatro afecionado compostelán e unha das máis antigas en funcionamento en toda
España, e fundou o grupo de teatro Obradoiro.
Xesús Pedreira Mirás. |
Xesús Pedreira explica que “dende o PSdeG de Ordes xa obtemos o beneplácito
e consentemento de Euloxio Ruibal a esta moción xa que, segundo as súas
palabras, sería para el unha honra que o pobo que o veu nacer e xogar de rapaz
lle dera o seu nome a un instituto”.
Por iso, os socialistas proporán ao pleno
municipal que traslade esta proposta á Dirección do IES nº 1 e ao Consello
Escolar para que o tomen en consideración e adopten as medidas oportunas para o
cambio de nome deste centro educativo.
*