Castro denuncia a existencia de perto de 700.000 euros
de gasto de "dubidosa xustificación" nas facturas que se van pagar con cargo ao
préstamo de 2,7 millóns de euros
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hox que o BNG proporá no Pleno que se celebrará mañá xoves, ás 14:00, “a
reprobación do alcalde polo seu intento de ocultación das facturas que o
goberno pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros aprobado o pasado 30
de marzo e pola xestión económica que se deriva do contido das citadas
facturas”.
Castro lembrou que o “alcalde
accedeu a facilitar a relación
certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de
euros aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30
de marzo, despois de reiteradas negativas, debido ao requerimento presentado
polo BNG, no que se lle advertía que, se no prazo de cinco días non
facilitaba a relación certificada polo interventor das facturas que se
pretenden pagar coa operación de crédito de 2,7 millóns, acudiríamos á xustiza
ordinaria para defender a transparencia e a participación política no noso
concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e penais
que sexan pertinentes, xa que o alcalde estaba a incumprir a lei, ao evitar que
os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito
que aprobou o goberno municipal”.
Contido das facturas
O portavoz nacionalista afirmou
que “despois de examinar a información contida nas facturas que se pretenden
pagar, reforzamos a sospeita de que a única explicación que podía existir para
que o alcalde se negase reiteradamente a facilitar esta información é que
pretendese a ocultar a existencia de gastos de difícil xustificación”.
Gonzalo Castro afirmou que, ao
seu xuizo, “existen gastos por perto de 700.000 euros de dubidosa
xustificación”, e puxo como o exemplo a existencia de “facturas nas que se
inclue a conservación de viais municipais e a limpeza de cunetas, cando estas
son actuacións a realizar directamente polo Concello coa brigada de obras e
servizos”.
Do mesmo xeito, o portavoz
nacionalista afirmou que “se temos en conta os desfases no gasto aos que ten
feito referencia a intervención municipal nos seus informes anuais, desde o ano
2009, ainda existen perto dun millón de euros de gastos impagados sen incluir
neste listado de 2,7 millóns de euros.”
Castro citou para avalar esta
afirmación “o último informe da intervención municipal, feito público esta
semana, que fala da existencia de máis dun millón cen mil euros de gastos non
incluidos nos Orzamentos de 2011”.
O portavoz
municipal censurou a xestión económica do alcalde e afirmou que “debe ser
obxecto tamén de reprobación por parte do Pleno, xa que terán recortes en servizos
públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal subida
dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por familia
media”
Gonzalo Castro Prado. |
Tribunal de Contas e Fiscalía
Gonzalo Castro finalizou
anunciando que “tendo en conta as reiteradas advertencias que desde a
intervención municipal se teñen realizado nos últimos anos ao alcalde de Ordes,
en materia de xestión económica, proporemos dar traslado do acordo plenario de
reprobación do alcalde, ao Tribunal de Contas e á Fiscalía, coa finalidade de
que se proceda a realizar as investigacións que correspondan”.
Contido da moción presentada polo grupo municipal do BNG de Ordes para ser debatida mañá durante o Pleno municipal:
"GONZALO CASTRO PRADO, Portavoz do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA
GALEGO, ao abeiro do disposto no artigo 97 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de
novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e
réxime xurídico das Entidades locais, presenta a seguinte Moción de reprobación
do alcalde polo intento de ocultamento de información sobre as facturas
impagadas e pola súa xestión económica.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O
pasado 16 de marzo de 2012, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego,
presentaba un escrito dirixido a ao alcalde de Ordes, con número de rexistro
1234, no que solicitaba o acceso á seguinte información: “…relación detallada e xustificada dos gastos remitidos ao Ministerio
de Facenda para acceder á liña de crédito para o pago a proveedores.”
Despois
de reiterar a solicitude, mediante escrito de data de 22 de marzo de 2012,
cítouse aos concelleiros do BNG a comparecer o 27 de marzo, ás 11:00, na
secretaría da Corporación Municipal para revisar a documentación solicitada.
Unha
vez personados na secretaria municipal, o único que se permitiu foi examinar
múltiples facturas almacenadas en caixas, sen facilitar copia da relación
certificación remitida pola intervención ao Ministerio de Facenda, ao obxecto
de acreditar as facturas que realmente ian ser obxecto de pago e que
determinaban a aprobación dun Plan de axuste por parte da Corporación
Municipal.
Como se puido
comprobar, as facturas que foron examinadas polo BNG non se correspondían coas
que supostamente se remitiron ao Ministerio de Facenda, en relación certificada
pola intervención municipal, xa que existía unha diferencia de más de 400.000
euros a favor da cantidade que sumaba a relación certificada remitida ao
Ministerio de Facenda, que se tiña anunciado en prensa escrita en días
precedentes.
Á
vista do acontecido, o 28 de marzo de 2012, o BNG solicitou á alcaldía, por
escrito, o seguinte:
1º)
Que, conforme ao disposto no artigo 3 do Real
Decreto-lei 4/2012, de 24 de febreiro, se convoque un Pleno da Corporación
Municipal de Ordes para informar ao mesmo da relación certificada de facturas
remitidas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
2º) Que se poña a disposición dos
concelleiros, coa convocatoria do Pleno, a citada relación certificada, de
acordo co establecido no artigo 46. 2 b) da LBRL e 84 do ROF.
Esta
solicitude foi realizada ao abeiro do artigo 3 do Real Decreto-lei 4/2012, de
24 de febreiro, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios
para establecer un mecanismo de financiación para o pago aos proveedores das
entidades locais, que establece o seguinte:
Artigo 3.
Obrigacións de subministración de información por parte das entidades locais.
1. As
entidades locais deberán remitir, por vía telemática e con firma electrónica,
ao órgano competente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, con
data límite o día 15 de marzo de 2012, unha relación certificada de todas as
obrigacións pendentes de pago que reúnan os requisitos establecidos no artigo
anterior e comprensiva da seguinte información:
a)
Identificación do contratista que incluirá o código ou número de identificación
fiscal, denominación social e o seu domicilio social.
b) Importe
do principal da obrigación pendente de pago, imposto sobre o valor engadido ou
imposto xeral indirecto canario incluído no seu caso, sen inclusión de
intereses, costas xudiciais ou calquera outros gastos accesorios.
c) Data de
entrada no rexistro administrativo da factura, factura rectificativa no seu
caso, ou solicitude de pago equivalente anterior ao 1 de xaneiro de 2012.
d) Expresión
de se se instou polo contratista a exigibilidad ante os Tribunais de Xustiza
antes de 1 de xaneiro de 2012.
2. A relación certificada prevista no apartado
anterior expedirase polo interventor coa obriga de informar ao pleno da
corporación local.
(...)
En data de 29 de marzo de 2012, ás 11:04 da mañá, recibo
a convocatoria dun Pleno Extraordinario e Urxente, para o 30 de marzo de 2012,
ás 7:30 da mañá, coa seguinte orde do día:
1.
Pronunciamiento do Pleno sobre a urxencia da Sesión.
2.
Aprobación, se procede, Plan de axuste elaborado pola Intervención Municipal,
ao abeiro do Art. 7 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de Febreiro.
Os concelleiros que forman parte da Corporación Municipal
de Ordes, en ningún momento foron informados da relación de facturas,
certificada pola intervención municipal, co contido expresado no artigo 3.1 do
Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro, tal e como se acredita no contido da
orde do día do Pleno extraordinario e urxente celebrado pola Corporación
Municipal, o 30 de marzo de 2012, e tal e como se desprende do propio debate
que tivo lugar durante o mesmo, do que existe grabación sonora, e onde se
corrobora que o 15 de marzo de 2012 se remitiu ao Ministerio de Facenda e
Administracións Públcias a relación de facturas, certificada polo interventor,
sen que se puxese a disposición dos concelleiros a mesma, tal e como establece
o artigo 3.2 do Real Decreto-Lei, 4/2012, a pesar das reiteradas solicitudes
que fixen a tal efecto.
A maior abundamento, de xeito absolutamente fraudulento e
a sabendas de estar incumprindo a lei, o alcalde entregou aos concelleiros, ao
iniciarse o Pleno de 30 de marzo de 2012, unha relación de “supostas” facturas
que só incluian un presunto CIF do proveedor e a cantidade adebedada polo
Concello, mais que non estaban nin certificadas polo interventor, nin contiñan,
obviamente, a información á que fai referencia o artigo 3.1 do RDL 4/2012, sen
que se acreditase, por tanto, si esas eran verdadeiramente as facturas (algo do
que se dubidaba fundadamente despois do intento de engano sofrido o 27 de marzo
de 2012), e sen que os/as concelleiros/as puidesen identificalas e ter unha
información esencial para poder orientar o sentido do voto, xa que ao
incumprirse o contido da obriga de subministración de información establecida
polo RDL 4/2012, os/as concelleiros/as da Corporación Municipal de Ordes
descoñecían cal era a relación concreta de facturas a pagar polas que se facía
necesario aprobar o plan de axuste, que figuraba como único punto da orde do
día do pleno urxente e extraordinario de 30 de marzo de 2012, o que constituía
unha información indispensábel para, como xa se dixo, poder orientar o sentido
do voto no Pleno en relación ao citado punto da Orde do Día.
O pasado 9 de abril de 2012, o BNG reiterou a solicitude
de acceso á relación certificada de facturas, advertindo de que a privación reiterada, e a sabendas da súa ilegalidade, da
información relacionada no artigo 3.1 do RDL 4/2012, unida á súa non inclusión
na orde do día do Pleno de 30 de marzo de 2012 (cos requisitos establecidos no
artigo 46.1, b) da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local) podería
determinar a nulidade dos acordos adoptados no Pleno extraordinario e urxente
de 30 de marzo de 2012 (ao aprobarse un Plan de axuste sen ter posto a
disposición dos concelleiros unha información esencial sobre o mesmo, como era
o contido detallado e certificado polo interventor das facturas impagadas das que
traía causa ese Plan de axuste, conforme ao establecido no RDL 4/2012), e
constituia unha limitación ou restrición ao dereito á
participacion politica dos concelleiros que afecta ao dereito fundamental
recoñecido no artigo 23 da CE.
Así mesmo, advertíamos de que as actuacións descritas podían ser
constitutivas de infraccións de carácter administrativo e mesmo penais e
emprazábamos ao alcalde a facilitar esa información, no prazo de 5 días,
anunciando que, en caso contrario, acudiríamos
á xustiza ordinaria para defender a transparencia e a participación política no
noso concello e para que se depurasen as responsabilidades administrativas e
penais que fosen pertinentes, xa que o alcalde estaba incumprindo a lei, ao
evitar que os veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao
crédito que aprobou o goberno municipal.
Finalmente,
o 12 de abril de 2012, facilítasenos copia da relación certificada de facturas
remitida ao Ministerio de Facenda e se comproba o que o BNG xa sospeitaba:
1º)
Que non están incluidos todos as débedas a proveedores que ten o Concello de
Ordes, xa que existe un informe de intervención que acredita a existencia de
1,144.540, 58 euros de gastos realizados en 2011 e non incluidos nos orzamentos
de 2011, que na súa inmensa non foron incluidos nesta relación.
2º)
Que moitos dos gastos obedecen a actuacións absolutamente prescíndibeis (gastos
protocolarios e de eventos).
3º)
Que existen moitos gastos de difícil xustificación, como por exemplo actuacións
de conservación de estradas municipais e limpeza de cunetas, realizados por
empresas cando existe unha brigada de obras e servizos encargada desas
funcións.
Concello
obrigase a pagar aos bancos perto dun millón de euros de intereses, cuns
intereses leoninos, os veciños e veciñas de Ordes terán recortes en
servizos públicos por valor de case 400.000 euros anuais e sofrirán unha brutal
subida dos impostos, taxas e prezos públicos de perto de 300 euros anuais por
familia media.
Por todo o
exposto, propoñemos ao Pleno da
Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1º)
Reprobrar a actitude do alcalde de Ordes, por intentar ocultar a información
relativa á relación certificada de facturas que foi remitida ao Ministerio de
Facenda e Administracións Públicas, para inlcuilas no Fondo para o pago aos
proveedores.
2º)
Reprobar a xestión do alcalde en materia económica, con gastos innecesarios e,
en moitos casos, inxustificábeis, que teñen condeado á paralise ao noso
Concello e a sufrir un decenio de recortes en servizos públicos e de subas de
impostos.
3º) Tendo en conta as
reiteradas advertencias que desde a intervención municipal se teñen realizado
ao alcalde de Ordes en materia de xestión económica, dar traslado do presente
acordo plenario ao Tribunal de Contas e á Fiscalía, coa finalidade de que se
proceda a realizar as investigacións que correspondan, a fin de depurar as
responsabilidades administrativas e penais que sexan pertinentes.
Ordes, a 25 de abril de
2012.
Asdo. Gonzalo Castro Prado
Portavoz do Grupo Municipal
do BNG