viernes, 13 de abril de 2012

Pablo Vidal: "O BNG é unha alternativa seria e honesta para gobernar Ordes"

Pablo Vidal, responsable local do BNG de Ordes.
O BNG de Ordes confía a súa nova dirección en Pablo Vidal, de 26 anos, veciño da vila de Ordes e arquitecto técnico

O Bloque Nacionalista Galego de Ordes renovou a dirección local nunha asamblea na que se respaldou por unanimidade a candidatura ao Consello Local encabezada por Pablo Vidal Ríos, un xovén arquitecto técnico, de 26 anos, veciño da vila de Ordes, que a pesar da súa xuventude leva unha contrastada traxectoria dentro do nacionalismo, no que ten desempeñado importantes responsabilidades en Galiza Nova, organización xuvenil do BNG.

No novo Consello local, destaca tamén a presenza da concelleira Montserrat Rei, que ocupará a vicerresponsabilidade local, e do portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro.

Nova dirección
Xunto a eles figuran nesta nova dirección local, renovada nun cincuenta por cento  dos seus membros, as seguintes persoas: Gonzalo Veiras Carneiro, Oscar Martinez Iglesias, Paula Castenda Blanco, Ramiro Recouso Liste, Avelino Candal Fariña, José Antonio Raña Regueira, Lino Gaudeoso Vázquez e Gonzalo Álvarez Prado.

Na súa primeira intervención como novo responsable local, Pablo Vidal afirmou que o obxectivo do BNG de Ordes para os próximos anos pasa por «reforzar a alternativa de goberno que representa o BNG en Ordes, unha alternativa seria e honesta para gobernar Ordes e sacalo do atraso ao que o teñen condeado as políticas dos sucesivos gobernos da dereita”.


Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, e Montserrat Rei, a súa vicerresponsable local.
As frases de Pablo Vidal, responsable local do BNG de Ordes
“Se algo caracteriza o proxecto do BNG para Ordes é o seu futuro, como o atestigua a media de idade da súa dirección, de 34 anos, o claro exemplo de que existe unha opción de futuro para gobernar Ordes con ideas novas, desprazando a gobernantes que levan máis de vinte anos gobernando o noso concello. Ordes precisa aire fresco, e iso é o que representa o BNG”

"As liñas de traballo da nova dirección do BNG de Ordes buscarán reforzar a actuación do BNG na sociedade, así como intensificar a comunicación cos veciños do noso concello"


*