Durante os próximos meses formarase a mulleres árabes como axentes de saúde
A Mancomunidade de Municipios de Ordes, a través
do Centro de Información á Muller (CIM), e a ONG Médicos do Mundo organizan
unhas xornadas formativas e informativas sobre saúde e inmigración, que terán
lugar ao longo dos vindeiros meses. Dúas iniciativas que buscan un dobre
obxectivo: incrementar a formación do persoal técnico e político da comarca
ordense en materia de saúde e inmigración, ao tempo que se facilita información
directa sobre saúde a mulleres de orixe árabe.
Así, o CIM de Ordes e Médicos do Mundo
organizarán ao longo deste ano 2012 unha serie de xornadas informativas sobre
temas relacionados coa saúde dirixidas a mulleres de orixe árabe da comarca
ordense. Un destes encontros terá lugar mañá mesmo, sábado 21 de abril, en
Ordes.
Unhas charlas que permitirán a obtención dun
certificado como “axentes de saúde” a todas aquelas mulleres que realicen un
aproveitamento efectivo destas xornadas. Uns “axentes de saúde” que se
encargarán de transmitir todo o que aprenderon a outras mulleres na súa mesma
situación social. Deste xeito, potenciarase a adopción de actitudes e
comportamentos axeitados no que atinxe á saúde dentro do colectivo de mulleres
árabes da comarca.
Sensibilización
O segundo piar deste programa será unha xornada
formativa: “Saúde e inmigración”, que terá lugar o vindeiro xoves 26 de abril
en Ordes. Unha xornada dirixida a personal técnico e político, especialmente
das áreas de Servizos Sociais e Benestar, dos sete concellos que compoñen a
Mancomunidade de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
Nesta xornada abordaranse temas como o dereito á
saúde, os mitos e crenzas sobre a poboación inmigrante e cuestións relacionadas
coa saúde no país de orixe. Ademais, os asistentes aprenderán técnicas para
mellorar a súa relacións co colectivo migrante dos seus respectivos municipios.
Estas dúas iniciativas están enmarcadas dentro do
Programa de Mellora do Acceso da Poboación Inmigrante de Galicia ao Sistema
Sanitario Público, que desenvolve a ONG Médicos do mundo, e que serven
tamén de conmemoración do Día Mundial da Saúde, que este ano está adicado ao
envellecemento e a saúde baixo o lema: “a boa saúde engade vida aos anos”. E é
que gozar de boa saúde durante toda a vida pode axudar a ter unha vida máis
plena e productiva na vellez, así como desempeñar un papel activo tanto no
ámbito familiar como social.
*