domingo, 29 de abril de 2012

Expo Ordes 2012 dedica a súa segunda xornada á Mancomunidade e á diversidade funcional



O salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares acolleu as III xormadas 'A discapacidade hoxe en día'

A feira multisectorial e de maquinaria agrícola Expo Ordes 2012 celebrou onte a súa segunda xornada cunha gran afluencia de público. Un día especialmente adicado a todas aquelas persoas que presentan algún tipo de diversidade funcional grazas ás III xornadas ‘A discapacidade hoxe en día’

O salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Linares acolleu ao longo de todo o día a máis dun cento de persoas que asistiron ás diferentes ponencias. O alcalde Manuel Regos e a concelleira de Diversidade Funcional, Lucía Iglesias, abriron a rolda de intervencións. O primeiro turno foi para Feliciano Sola Lima,  presidente da FAXPG, quen destacou entre outros aspectos a importancia da formación e da educación para as persoas que presentan problemas de audición. 


A continuación Loli Venancio, delegada-presidenta da ONCE Galicia, falou sobre a importancia da eliminación de barreiras mentais e de para unha correcta integración na sociedade. Francisco Abuín e Eladio Fernández, responsable de formación de Cogami e presidente de FADEMGA respectivamente, foron os encargados de pechar a rolda de charlas en horario de mañá.

Xa pola tarde, Antonio Morán, presidente de ADISCORDES e Thais Pousada, por parde de ASEM, foron os primeiros en intervir falando sobre os distintos tipos de axudas técnicas. Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES; Juan Martínez, presidente de Down-Compostela e Cipriano Luis Jiménez, da Federación de Autismo, completaron o último ciclo de intervencións.


Mancomunidade de Ordes
O Concello de Ordes tamén lle quiso rendir onte unha especial homenaxe á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Nunha xornada tan especial os alcaldes dos concellos que a conforman achegáronse pasado o mediodía ata o recinto instalado no Campo da Feira. Alí foron recibidos por Manuel Regos, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Roberto González. Xuntos tiveron a oportunidade de visitar os postos feirais e falar con moitos veciños e veciñas que non quixeron perderse este segundo día de feira.

*