O Concello de Ordes acollerá a
vindeira fin de semana unha nova edición da feira multisectorial e de
maquinaria agrícola Expo Ordes. Para esta XXIII entrega a organización xa ten
inscritas máis de sesenta empresas, firmas comerciais, institucións e asociacións
que contarán cun estand e zona de exposición propia.
A cita desenvolverase no Campo da Feira, onde se habilitarán máis
de 1.800 metros cadrados cubertos por
carpas. Sectores como os da alimentación, automoción, construcción, náutica,
moble, medioambiental, deportivo, mecánica ou textil estarán presentes un ano
máis nesta cita que cada ano ve aumentar non só o número de participantes senón
tamén os de visitantes.
O programa arrancará o vindeiro venres 27 coa inauguración do recinto
feiral a partir das 21:00 horas. Esta xornada estará especialmente adicada aos
empresarios e autonomos do Concello. As
portas volverán a abrirse ao público o sábado 28 a partir das 10:00 horas nun día
onde se prestará especial atención á Mancomunidade de Municipios da Comarca de
Ordes e á diversidade funcional. Un total de dez asociacións e organizacións
estarán presentes no recinto para amosarlle ó público todas as actividades e
traballos que levan a cabo en favor dos seus socios e usuarios.
O mesmo día o
Museo do Traxe Juanjo Linares acollerá a terceira edición das xornadas ‘A
discapacidade hoxe’. Un ciclo de conferencias relativas a problemáticas de
índole cognitiva, física ou intelectual que contará con representantes e
dirixentes das principais asociacións e organizacións de discapacitados.
6.000
quilos de champiñóns
O domingo 29 non só será a última
xornada da feira senón que tamén é o día
escollido levar a cabo a degustación gratuita de champiñóns polos
establecementos da zona. Un total de 6.000 quilos repartiranse entre bares e
restaurantes para que, unha vez preparados de distinto xeito, poidan ser
servidos gratuitamente con cada consumición.
Como en calquera festa
que se prece a música non pode faltar para acentuar o ambiente festivo. Neste
caso o grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes e a charanga Ruada serán os
responsables desta labor.
A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“As cifras de Expo Ordes poñen de manifesto a saúde coa que conta a feira. O ano pasado contabilizáronse máis de 30.000 visitantes, unha cantidade que esperamos superar nesta nova edición”
*