O alcalde de Ordes, Manuel Regos, aceptou este
mediodía a proposta realizada polo Partido Socialista de Ordes de prohibir a
circulación de todo tráfico maior de 5,5 toneladas pola estrada de Mercurín, no
seu tramo ordense. O portavoz municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira,
explicou que “o alcalde comprometeuse a que se en 15 días non se teñen noticias
de que se vai asinar o compromiso do Plan Miner, aplicará o acordado na moción
do pasado 26 de xaneiro e prohibirá a circulación deste tipo de vehículos pola
estrada de Mercurín”.
As obras de mellora na estrada de Mercurín, que
une o polígono de Merelle coa localidade de Cerceda, teñen un orzamento
de máis de 2,8 millóns de euros procedentes do Plan Miner e foron conseguidas
polo Concello de Ordes no ano 2008. O proxecto foi elaborado pola Xunta en 2010
(por un importe de 150.000 euros), polo que só resta a sinatura do convenio
entre o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria,
Turismo y Comercio para que poidan adxudicarse as obras. Unha sinatura que non
se dá producido.
Axuda no Fogar
Ademais, o concelleiro socialista celebrou tamén a
aprobación da súa moción pola que o Concello de Ordes informará ao pleno e
publicará na páxina web información directa e transparente do servizo de Axuda
no Fogar. Uns datos que estarán a disposición dos veciños e veciñas de Ordes e
que inclúen dende o número de usuarios ata os criterios para calcular o
copagamento do servizo ou o custo que lle supón ao Concello a prestación deste
servizo.
Finalmente, Xesús Pedreira agradeceu o apoio de
UXO á proposta socialista de que o IES
nº 1 de Ordes leve o nome de Euloxio Rodríguez Ruibal, prestixioso escritor e
director de teatro nado en Ordes o 16 de marzo de 1945 e que está considerado
como un dos renovadores do teatro galego. Coas abstencións de BNG e CideGa, e a
pesar do voto en contra do PP, o pleno municipal trasladará a proposta
socialista á Dirección do IES nº 1 e ao Consello Escolar por se teñen a ben
tomar en consideración o nome de Euloxio Ruibal para o cambio de denominación
deste centro educativo.
Reprobación do alcalde
O portavoz do BNG de Ordes,
Gonzalo Castro, defendeu no Pleno celebrado no día de hoxe en Ordes, unha moción
dos nacionalistas na que se propoñía, “a reprobación do alcalde polo seu
intento de ocultación das facturas que o goberno pretende pagar co crédito de
2,7 millóns de euros aprobado o pasado 30 de marzo e pola xestión económica nefasta
que se deriva do contido das citadas facturas”.
Castro lembrou que o “alcalde
accedeu a facilitar a relación
certificada de facturas que se pretende pagar co crédito de 2,7 millóns de euros
aprobado no Pleno celebrado pola Corporación Municipal, o pasado día 30 de
marzo, despois de reiteradas negativas, debido ao requerimento presentado polo
BNG, no que se lle advertía que, se no prazo de cinco días non facilitaba a
relación certificada polo interventor das facturas que se pretenden pagar coa
operación de crédito de 2,7 millóns, acudiríamos á xustiza ordinaria para
defender a transparencia e a participación política no noso concello e para que
se depurasen as responsabilidades administrativas e penais que sexan
pertinentes, xa que o alcalde estaba a incumprir a lei, ao evitar que os
veciños e veciñas coñezan que débedas se van a pagar con cargo ao crédito que
aprobou o goberno municipal”
Xesús Pedreira xustificou a súa
oposición a que se debatira moción do BNG para reprobar a xestión do alcalde de
Ordes en que “o BNG non pode tirar a pedra e agochar a man. Se ten constancia
de que se teñen producido calquera tipo de irregularidades na xestión do
alcalde, que o denuncien directamente na Fiscalía”. Pedreira Mirás explicou que
“os socialistas non imos participar no que consideramos unha maniobra política
do Bloque” e criticou que “cando se nos presentou inicialmente esta moción non
estaban incluidos dous dos tres puntos que se presentaron hoxe”.
O concelleiro socialista lembrou, ademais, que as contas anuais do Concello son enviadas ao Consello de Contas. “De ter detectado
algunha irregularidade ou a comisión dalgún delicto como suxiren os nacionalistas,
xa os tería levado directamente á Fiscalía”, puntualizou. Pedreira sinalou que
“os socialistas estamos a favor da maior das transparencias informativas e
mesmo poderiamos chegar a apoiar unha reprobación polas dificultades á hora de
acceder a algunha información, pero non imos entrar nun xogo político do BNG.
Se o bloque ten constancia dalgún delicto, que o denuncie e o traslade á
Fiscalía. Todo o demáis é un acto de cobardía política de tirar a pedra e
agochar a man”.
A moción dos nacionalistas foi apoiada polo PP e rexeitada polos votos do grupo de Goberno e o PSdG-PSOE. Ana Álvarez, de CideGa, abstívose.
PXOM
Gonzalo Castro tamén defendeu unha moción para acelerar a tramitación do PXOM
na que se propoñía instar ao Goberno municipal e ao Goberno de Xunta de
Galicia, para que cooperen coa máxima lealdade institucional, co fin de tramitar
o PXOM coa máxima celeridade, abandonando os intereses partidistas nun asunto
da máxima prioridade e importancia para o futuro do Concello de Ordes e instar
ao goberno municipal de Ordes a contestar coa máxima rápidez e motivadamente ás
suxestións presentadas polos veciños e veciñas de Ordes, estimando todas
aquelas que poidan mellorar o contido do PXOM.
Esta moción dos nacionalistas foi
rexeitada co voto de calidade do alcalde, cos votos en contra de UxO e Cidega.
*