De esquerda a dereita, Ramón Jiménez, Pilar Falcón, Renato A. Landeira e Xosé A. Perozo, en Madrid. |
A Casa de Galicia de Madrid acolleu o pasado xoves 19 a presentación de Sobre las fugas de Cunqueiro, unha obra inédita do xornalista, escritor e crítico compostelán Xosé Landeira Yrago (1922-1995), presentada, anotada e actualizada polo seu neto, Renato A. Landeira, director editorial de Mediasiete.
No acto interviñeron, ademais do propio Landeira, Pilar Falcón, xornalista e presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, entidade coorganizadora do acto; Xosé A. Perozo, editor e xornalista, responsable de Auga Editora; e Ramón Jiménez, coordinador de Actividades Culturais da Casa, que o conduciu.
Madrileños de Galicia
Pilar Falcón falou do Cunqueiro xornalista en Madrid visto por Landeira Yrago, tamén xornalista na capital, "amigos e confidentes, practicamente unha mesma cousa, literatos e estudiantados, madrileños de Galicia ambos os dous. Cunqueiro foino durante os seus anos no ABC da temperá posguerra; Landeira Yrago, durante a tardía Transición, como primeiro xefe de prensa do Tribunal Constitucional dende a súa fundación no ano 1980 ata a súa xubilación en 1987".
"Gozar de Landeira e Cunqueiro é un estímulo, e un luxo, para a lectura, dous home que se complementaron, foron amigos e contribuíron a darlle ao periodismo español unha categoría de oficio con dimensión literaria. Cunqueiro nunca pisou unha escola de xornalistas. Landeira si por iso o necesitou ao seu lado en Faro de Vigo", explicou.
Dous literatos
Renato A. Landeira explicou os avatares do autor en relación con Cunqueiro. "É unha historia de dous literatos metidos a xornalistas por encontrar un traballo decoroso co que gañarse a vida", asegurou. Tamén falou do descubrimento do orixinal inédito "escrito en torno ao ano 1991 con motivo do décimo aniversario da morte do seu amigo e descuberto entre o monumental maremágnum de artigos, notas, apuntamentos e fichas deixadas aos seus herdeiros".
Xosé A. Perozo, en representación de Auga Editora, expuxo as razóns polas que decidiron editar este libro, xa que "se trata dunha importante achega á biografía de Cunqueiro, aínda pendente de ser abordada, escrita e difundida máis alá das fábulas, unhas verídicas e outras inventadas, que todos escoitamos algunha vez sobre o fantástico autor de Merlín e familia".
As fugas de Cunqueiro está dispoñible á venta nas principais librerías e na Editorial Auga a un prezo de 17 euros.