Momento da celebración do pleno de onte da Corporación municipal de Ordes. |
A Corporación por completo amosou o seu apoio e cariño a Gonzalo Castro, ausente por motivos de saúde
A Corporación
municipal de Ordes aprobou onte por unanimidade a modificación do
uso da parcela onde se ubica a praza de abastos. Así pasará a ter categoría de
equipamento de abastecemento e suministración co uso complementario técnico
administrativo.
Un trámite imprescindible para poder instalar na segunda
planta deste inmoble un centro municipal de emprendemento. Un proxecto que o grupo municipal socialista demandara anteriormente durante a sesión plenaria do pasado mes de
novembro.
Ausencias no PP e BNG
Antes, houbo que destacar a ausencia dos concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Monsterrat Rei, ambos por motivos de saúde. Para eles, e especialmente para Gonzalo Castro, todos os membros da Corporación amosaron palabras e xestos de apoio.
Tamén o PP viu reducido a catro o seu número de concelleiros, xa que por motivos laborais e de saúde dous dos seus membros, José Manuel Gestal e Estrella Vázquez, tiveron que ausentarse da sesión.
Precisamente foron os socialistas os
encargados de abrir a rolda de mocións que ocupou a maior parte do tempo. A súa solicitude de retirar o anteproxecto
de lei da reforma da administración local presentada recentemente polo Goberno
Central foi aprobada grazas aos votos de UxO, PSOE e CideGa.
Neste punto os
populares non viron prosperar a súa emenda trasaccional na que se instaba ao
Goberno para que o texto sexa elaborado tendo en conta as aportacións feitas pola
Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Nel tamén se precisaba
que as novas suxestións se trasladen tanto a este ente como á Federación
Española de Municipios e Provincias (FEMP).
O PSOE tamén
solicitou a aprobación dunha declaración que insta, entre outros puntos que
afectan directamente ás mulleres, á derogación da reforma laboral, ó
emprendemento de politicas igualitarias e promocionais no ámbito laboral, á
erradicación das desigualdades laborais,
ó cumprimento da lei actual da saúde sexual e afectiva, á derogación das
taxas xudiciais e ó aumento dos dereitos recollidos na lei de promoción de autonomía
persoal e persoas en situación de dependencia. Novamente os socialistas
contaron co apoio de UXO e CideGa para sacar adiante esta medida, mentres que o
PP votou en contra.
Tamén neste tema os populares presentaron unha emenda
transaccional que non prosperou. Argumentando que a dos socialistas abordaba
distintos temas que deberían ser tratados individualmente, o texto do PP
instaba ao Goberno a seguir priorizando nos orzamentos o gasto social e en políticas
de igualdade entre homes e mulleres. Nos obxetivos incídíase en
errradicar a violencia de xénero e a conciliación da vida familiar e laboral.
Punto posposto
O punto
no que se ían abordar as exencións e modificacións fiscais propostas polos
socialistas pospúsoxe. Esta decisión tomouse co fin de poder abordar estas
medidas nunha comisión, así como a de poder analizar detidamente o informe
emitido a este respecto dende o departamento de Intervención.
Plan de igualdade
No
turno do Partido Popular presentouse unha moción para instar aos concellos
galegos a abordar un plan de igualdade similar ó que ten en marcha o Concello
de Ordes. Tamén se insta á Xunta e ao Goberno Central a emprender programas de
apoio empresarial orientado ás mulleres, así como medidas que erradiquen as
desigualdades salariais.
En palabras de Susana Mosquera (PP), "o orzamento da
Xunta nestas materias incrementouse nun 14% para este ano chegando a case un millón de euros", dato que foi rebatido tanto polo voceiro socialista, Xesús
Pedreira, como pola tenente alcalde, Silvia Marín.
Como exemplo, Marín mencionou a
reducción en arredor dun 50% das axudas á conciliación “importe que terán que
asumir as Corporacións municipais co esforzo que elo vai suponer tendo en conta
a situación económica actual”.
Agás os socialistas que calificaron de “escaso
investimento o orzamento empregado nestas áreas en comparación co que investía
o Bipartito”, todas as demais forzas políticas apoiaron a moción.
Rogos socialistas e populares
As
fochas aparecidas recentemente na rúa O Recreo, a aparición de vertedoiros
incontrolados en Montaos e Parada, a limpeza de pistas de concentración
parcelaria en Parada, Lesta e Mercurín e a revisión das tasas de auga, lixos e
sumidoiros para as Pemes, foron os temas principais dos rogos socialistas.
Por
parte do PP solicitouse a mellora na sinalización da rotonda do polígono
industrial de Merelle así como da rolda Leste. En ambas intervencións, o equipo
de Goberno advertiu que os organismos, entes e equipos responsables de levar a
cabo estas tarefas xa estaban advertidos.
*