jueves, 21 de marzo de 2013

Ordes espera por unha resposta de Fomento respecto da sinalización cara á ronda leste

O Concello solicitou ao Ministerio de Fomento, aínda sen resposta, melloras na sinalización da ronda leste.

Un pleno municipal do máis literario acorda dedicarlle unha rúa a Euloxio R. Ruibal

A parella de anciáns de Quenlle (Montaos) conta co apoio unánime dos grupos políticos municipais

A reunión plenaria da Corporación municipal do Concello de Ordes celebrouse esta tarde coas ausencias dos dous concelleiros do BNG, Gonzalo Castro e Montse Rei. En primeiro lugar debatiuse o apoio da Corporación á petición do indulto a favor do matrimonio de anciáns de Queis (Montaos) formulada ante o pleno polos seus avogados, Julio Castro Pol e Manuel Astray

Os feitos trasládanse ao ano 2007, cando  Manuel Rodríguez  foi condenado a  dous delitos de malos tratos. No caso de Carmen Martínez foi condenada por lesións á pena de prisión de cinco meses. Tamén se lle prohibiu aproximarse e comunicarse co seu home durante seis meses, feito que ambos quebrantaron.

O primeira tenente de alcalde, Silvia Marín, leu a petición dos avogados en voz alta para a continuación ser sometida a votación. Os catro grupos municipais, CideGa, PSdG-PSOE, PP e UxO apoiaron por unanimidade a medida.

Regulamento de Emerxencia Social
A primeira das mocións dos socialistas foi referida á solicitude de redactar unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais.  A medida foi igualmente apoiada de xeito unánime por todos os presentes. 

Vencellada a esta moción, o voceiro socialista, Xesús Pedreira, tamén pediu no pleno a subscrición de Ordes ao Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de España e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Silvia Marín respostou ao socialista afirmando que o Concello de Ordes xa está adherido ao citado convenio, polo que os socialistas retiraron a moción. 


O Grupo municipal do PP de Ordes, lendo o poemario de Ruibal, Caderno de Ordes.
Euloxio R. Ruibal
Diferente sorte correu a solicitude que dende o PSdG-PSOE se fixo chegar á Corporación de adicarlle a rúa provisionalmente coñecida como Trascampo da Feira, no entorno do CEIP Campomaior, ao literato ordense Euloxio R. Ruibal. A proposta foi aprobada pola unanimidade de todos os membros da Corporación municipal.

Tras a votación, a tenente de alcalde, Silvia Marín, entregou a cada un dos concelleiros un exemplar do  poemario de Ruibal Caderno de Ordes, publicado recentemente pola editorial Toxosoutos

Desvío cara ronda leste
A primeira das mocións do Grupo municipal popular tivo que ver coa petición de solicitar do Ministerio de Fomento a colocación duns carteis máis grandes e vistosos de desvío do tráfico pesado lonxe do centro da vila cara á ronda Leste. Os populares solicitaron ademais a activa participación da Policía Local no desvío nas horas máis conflictivas de tráfico pesado polo centro de Ordes.

Silvia Marín respostou aos populares afirmando que a medida xa fora solicitada polo Grupo socialista de xeito moi similar no pleno do pasado mes de xaneiro, e que de todos xeitos esta circunstancia "xa foi comunicada ao Ministerio", de quen agardan ainda resposta

Os votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE á urxencia, impediu a súa votación, polo que o portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo, optou por retirala logo de reclamar do Concello un novo escrito ao Ministerio para que dean "unha solución á maior brevedade posible".

Rogos socialistas 
Xa no apartado de rogos, Xesús Pedreira solicitou do Concello a retirada dun cano de augas do CEIP Castelao que fai uns días presentaba restos de alimentos. Marín respostou que esa circunstancia resultou ser accidental e motivada nunha conducta dunha nova cociñeira que por descoñecimento botou os restos ao carón da pipeta. Esta conducta, asegurou Marín, xa foi correxida e a cociñeira pediu disculpas. En todo caso, asegurou a tenente de alcalde, o cano é de augas pluviais, como asi atestou Augas de Galicia, e non de saída de desperdicios das cociñas da escola.

Tamén Silvia Marín acordou que o Goberno tomará en consideración o rogo socialista de proceder a realizar melloras no vial de Lesta.

Respecto do repintado do local social de Bailía (Leira), tamén Marín afirmou que xa se solicitaron unhas axudas inmersas no programa Lider para estas tareas.

Pedreira expuso tamén a inexistencia de alumeado no lugar da Brea, na estrada de Cerceda, ao que o grupo de Goberno respostou que logo de que se producira un roubo na zona, xa se están arranxando as deficiencias. 

Rogos populares
Pola bancada popular, José Manuel Gestal trasladou á Corporación a existencia de baches na rúa da Canteira no cruce coa rúa Ramón Ferreiro máis no lugar do Peñasco. Por parte do Goberno, afirmouse que no primeiro caso, a empresa encargada das obras xa foi avisada para que procedan ao seu inminente arranxo. Respecto do Peñasco, estes baches amañaranse unha vez chegue o bo tempo.

Gestal tamén denunciou unhas deficiencias na sinalización do Camiño Inglés no lugar de Carrás, en Montaos. Marín respostou que todo o Camiño Inglés está sendo revisado e que se correxirán esas e otras deficiencias detectadas.

Tamén un contedor no lugar de Carballedo (Buscás) tamén será reposto logo da denuncia do PP de Ordes.

No apartado de preguntas, José Manuel Gestal preguntou ao Goberno  sobre o por que do incremento dos custes na contratación administrativa e xestoría do Concello de Ordes. Marín respostou que esta suba é debida ao aumento da carga de traballo e á actualización do IPC, que segundo a tenente de alcalde, "xa facía moito tempo que non se actualizaba".

Tamén o Goberno confirmou, a pregunta dos populares, a compra da caseta da piscina municipal do Muíño por importe de 3.000 euros, porque segundo Marín, "resultaba máis rentable mercala que arrendala". 

Respecto duns aparentemente confusos custes respecto do aluguer de carretillas elevadoras con motivo da celebración do festival de arte urbán, Silvia Marín respostou ao Partido Popular que pese a algunhas deficiencias no concepto das facturas, en realidade o servizo fai referencia ao aluguer e transporte de varias máquinas elevadoras e non só a unha.

Tamén Gestal quixo preguntar polo proceder dunha persoa calquera que queira entrear libremente nas pistas de atletismo da Cidade Deportiva de Vista Alegre. O concelleiro delegado de Deporte, Roberto Iglesias, respostou ao popular dicindo que simplemente dirixíndose a calquera dos encargados do departamento en calquer horario diurno, estes encargaranse de poñer as pistas a libre disposición dos usuarios que reclamen o seu uso.

Tamén dende o PP quixeron saber que destino se lle vai dar ás farolas vellas recentemente sustituídas na rúa dos Lagartos. Marín asegurou que agora esas farolas están gardadas nun almacén do Concello, pero que que está estudando onde irán reubicadas. 

Por último, o PP quixo saber as medidas que o Goberno municipal vai tomar respecto das deficiencias detectadas no interior e exterior dos baixos da Alameda de Ordes. Marín respostou que se están a estudiar diferentes solucións.

O pleno, logo de 45 minutos, remataba cunha alusión por parte da tenente de alcalde Silvia Marín á celebración do Día Mundial da Síndrome de Down.

*