lunes, 18 de marzo de 2013

Os socialistas de Ordes piden un fondo social para axudar ás familias máis necesitadas de Ordes


Instarán ao alcalde a axudar ás familias que se atopan nunha situación de emerxencia social

Xesús Pedreira: "Cando menos, cinco familias de Ordes están expostas ao desafiuzamento, e mesmo algunhas delas xa recibiron a notificación"

O PSdG-PSOE de Ordes anunciou hoxe que presentará no pleno do vindeiro xoves unha moción para pedirlle ao alcalde e presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, que estableza unha ordenanza que permita crear un Regulamento de Emerxencia Social para os municipios que, como o caso de Ordes, teñan mancomunados os servizos sociais

A petición dos socialistas ordense xorde despois de que o Departamento de Intervención do Concello de Ordes se opuxera á proposta presentada polo voceiro socialista, Xesús Pedreira, no pleno do pasado mes de febreiro e que solicitaba a exención de taxas e a posta en marcha de axudas para aquelas familias ordenses que se atopan ao borde da pobreza

“Como o señor Interventor explicou que estas peticións non poderían contemplarse na normativa municipal, agora pedimos que se estableza unha ordenanza que regule os casos de emerxencia social”, explica Pedreira Mirás.

Desafiuzamentos
Vencellada a esta moción, os socialistas ordenses tamén pedirán no pleno que Ordes subscriba o Convenio para o Fondo Social de Vivendas para Afectados por Desafiuzamentos, asinado pola FEMP, o Goberno de Epaña e entidades financeiras españolas. 

Un convenio que permitirá a creación dun fondo social de 6.000 vivendas destinadas ao aluguer, achegadas polas entidades financeiras, e ás que poderán acceder persoas que fosen desaloxadas da súa primeira vivenda dende o 1 de xaneiro de 2008 e que se atopen en situación especial de vulnerabilidade social.

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“O Concello ten a obriga de axudar ás familias en situacións máis desfavorecidas e, se non podemos establecer exencións fiscais, si que podemos regular actuacións de emerxencia social que permitan dispensar unha atención básica a aquelas familias máis desfavorecidas de Ordes”.

“Se unha familia de Ordes se atopa nunha situación de emerxencia social e non pode pagar o recibo do lixo ou o recibo da auga, con este regulamento que propoñemos serán os Servizos Sociais quen actúen de  inmediato, pagando de xeito urxente esa taxa cos cartos procedentes dun Fondo de Emerxencia Social”. 

“Dende o grupo municipal socialista temos información de, cando menos, cinco familias de Ordes que están expostas ao desafiuzamento, e mesmo algunhas delas xa recibiron a notificación do mesmo. Por iso é importante que o Concello de Ordes se adhira a este convenio”.

*