jueves, 7 de marzo de 2013

O PP insta ao Concello a mellorar a sinalización da ronda leste e implicar á Policía Local

O camión avariado (vermello) onte en Alfonso Senra, xunto a outros camións cruzando o centro de Ordes.

Os populares pedirán ao Goberno municipal sustituir as actuais sinais por outras máis visibles

O Partido Popular de Ordes instou hoxe ao Concello de Ordes a implantar "medidas disuasorias eficaces" para desviar a través da rolda leste o tráfico pesado e evitar así o tránsito de camións polo centro da vila. 

A proposta do Partido Popular xurde logo de que durante a xornada de onte, un camión avariado de grandes dimensións dificultase o tráfico rodado polo centro da vila durante varias horas. O vehículo estivo inmobilizado con dirección A Coruña no semáforo que regula o cruce da avenida Alfonso Senra (N-550) coas rúas do Recreo e dos Lagartos.

O Partido Popular tamén interpelará ao Goberno local no vindeiro pleno en relación con este asunto, xa que diversos conductores lle fixeron chegar o seu malestar pola ausencia continuada de efectivos da policía local regulando o tráfico, a pesar do trastorno provocado polo camión avariado ata ben entrada a noite.

"Medidas disuasorias"
Entre as posibles medidas disuasorias a implantar para evitar que o tráfico pesado atravese o centro de Ordes, o Partido Popular propón a substitución das actuais sinais de prohibición por outras máis visibles e implicar activamente á Policía Local para que obrigue ao tráfico pesado a utilizar a rolda leste, en especial nas horas diurnas.

*