Exterior do infrautilizado Centro Comarcal de Ordes, inaugurado en 2001 e da titularidade da Xunta de Galicia. |
Os concellos da comarca levan dende 2009 loitando coa Xunta polo edificio e destinalo a sede da Mancomunidade de Ordes
Tamén se aprobou un novo servixo lingüístico de promoción da lingua galega
Esta mañá tivo lugar o
pleno ordinario de marzo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, no
que se acordou volver a solicitarlle ao Goberno autonómico a cesión das instalacións do Centro Comarcal, ubicado na rúa Casillas.
A intención é a de trasladar a este espazo, infrautilizado nestes momentos, o persoal e servizos da Mancomunidade convertíndoo na súa nova sede. Ademais tamén se instalaría unha sala de exposicións e unha aula de formación co fin de promover o emprego na comarca.
Os alcaldes da comarca, reunidos esta mañá en Ordes. |
Principio de 'OK' de Alfonso Rueda
A tramitación da cesión do edificio do Centro Comarcal á Mancomunidade de Municipios de Ordes remóntase a xaneiro do 2009, onde a Corporación municipal aprobou por maioría, coa abstención do BNG, a revocación da cesión á Xunta de Galicia do centro comarcal "dado que non cumpre co fin para o que foi cedido: a promoción dos recursos da comarca", explicara naquela data o alcalde, Manuel Regos.
Uns meses despois, en agosto do 2009, os por aquel entonces presidente e vicepresidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, hoxe parlamentario, e Manuel Astray, hoxe retirado da política, reuníanse co conselleiro da Presidencia, Administracións públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para tratar este tema. Segundo as declaracións que fixera á saída o por aquel entonces alcalde de Frades, o encontro tivo éxito.
«Rueda xa nos adiantou que el ve positivo e necesario que unha infraestructura como o centro comarcal de As Casillas teña unha utilidade e que sexa utilizado pola Mancomunidade de Ordes», dando a entender que a cesión sería un feito en poucos meses, segundo se expresou Prado Patiño e así foi recollido por La Voz de Galicia.
«Como non hai ningún tipo de proxecto definido para este edificio, non haberá ningún problema para a cesión, iniciar a elaboración do convenio de colaboración e asinalo no primeiro trimestre do 2010», recolle La Voz as palabras de Alfonso Rueda.
Pese ás boas intencións, o certo é que o convenio e a ulterior cesión nunca tivo lugar.
Servizo linguístico
O pleno tamén aprobou a creación dun servizo lingüístico para a promoción do uso da
lingua galega. Entre outras funcións dito servizo será o encargado de revisar
tanto os documentos oficiais como as páxinas web da Mancomunidade e dos
concellos que a conforman, agás Mesía.
En breve o departamento administrativo
tramitará á solicitude da subvención ofrecida con tal fin aos entes locais por
parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Oficina de Cooperativismo
Por último autorizouse tamén a dar de alta
o ficheiro da Oficina de Cooperativismo, tal e como marca a Lei de protección
de datos 15/99 do 13 de decembro R.D. 1720/07, así como a participación e
instalación dun espazo feiral na feira multisectorial ExpoOrdes 2013, que se desenvolverá
durante a última fin de semana de abril. Un espazo onde se exlatarán os
atractivos turísticos, gastronómicos e artísticos da comarca, así como o seu
potencial empresarial.
*