miércoles, 20 de marzo de 2013

O PSOE de Ordes pide unha rúa para Euloxio Ruibal

O literato Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945).

Tamén solicitarán no pleno de mañá dúas iniciativas para mellorar a seguridade viaria no municipio

O PSdG-PSOE de Ordes proporá na sesión plenaria de mañá xoves dedicarlle unha rúa da vila a Euloxio R. Ruibal, insigne dramaturgo e membro da Real Academia Galega nacido na parroquia de Buscás

Os socialistas, que xa solicitaran que o IES nº 1 de Ordes levase o nome de Euloxio Ruibal, propoñen agora darlle este nome á rúa agora coñecida como “rúa tras o campo da Feira”, situada no entorno do CEIP Campomaior, lugar onde reside a familia de Euloxio Ruibal.

Quen é Euloxio R. Ruibal?
Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945) é dramaturgo, guionista, narrador e ensaísta. Considerado un dos renovadores do teatro galego, Rodríguez Ruibal é un dos dramaturgos máis frutíferos en lingua galega. Na actualidade é profesor asociado da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, institución da que é membro dende marzo de 2005.

Entre os premios que ten recibido nos últimos tempos figuran o Abrente (1973 e 1975), Álvaro Cunqueiro (1989) e Valle Inclán (2005).

Seguridade viaria 
Por outra banda, os socialistas tamén presentarán no pleno de mañá xoves dúas iniciativas para mellorar a seguridade viaria no municipio. A primeira será a instalación dun sinal de STOP na parroquia de Lesta, concretamente na intersección do vial procedente da Cruz coa AC-2402 (Ordes-Cerceda) xa que é un vial moi transitado e o cruce é moi perigoso. 

Así mesmo, os socialistas pedirán o acendido das farolas do marxe esquerdo do lugar da Brea, na estrada CP-2405 (Mesón do Vento-Cerceda). “Hai moitas farolas que nestes momentos están apagados e é preciso que se poñan en funcionamento por seguridade viaria, sobre todo onde hai casas”, explica Pedreira Mirás.

Finalmente, os socialistas solicitarán o repintado da fachada do centro social de Bailía, na parroquia de Leira. Segundo Pedreira, “o estado da pintura exterior desta antiga escola unitaria é lamentable e dá unha imaxe de abandono e deterioro cando agora alberga moitas actividades, incluído o oficio de misas. Ademais, o orzamento non é moi elevado”.

Xesús Pedreira (PSdG-PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, voceiro do PSdG-PSOE de Ordes
"Esta distinción suporía un recoñecemento a unha persoa que con orgullo leva o nome de Ordes, a terra onde naceu e que vén de incorporar á súa extensa obra literaria a través de Cadernos de Ordes que, cando sexa estudada e publicada, deixará o nome de Ordes gravado por sempre”.

*