domingo, 17 de marzo de 2013

Laura Seara: "Con Rajoy temos un 39 % máis de paro feminino"

De esq. a der. Laura Seara, María Viqueira, Xesús Pedreira e Antonio Morán.

A deputada socialista no Congreso criticou en Ordes a reforma laboral do Goberno central "polo dano que fixo sobre as mulleres"

A deputada socialista no Congreso e ex-secretaria de Estado de Igualdade Laura Seara denunciou o pasado venres que “a crise económica destruíu o dobre de postos de traballo entre as mulleres que entre os homes. 

Fálase moito de que a crise afecta sobre todo á construción para que pareza que é fundamentalmente masculino, pero os datos amosan que con Rajoy temos un 39% máis de paro feminino. Pero, como a crise é tan dura, este debate queda diluído na sociedade e nos medios de comunicación”.

Unha denuncia que Seara realizou nunha charla-coloquio sobre a situación actual da muller organizada pola Agrupación Socialista de Ordes. O Museo do Traxe ordense quedou pequeno para albergar ao máis de medio cento de veciños e veciñas que acudiron ao coloquio presidido polo secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira; moderado por Antonio Morán, secretario local de Políticas Sociais do PSOE de Ordes; e que contou coa participación de María Viqueira, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade no Concello de Cerceda. 

Entre os asistentes á xornada tamén estaban a primeira tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín; e o concelleiro de Cultura, Ramón Vázquez.


Recortes 
Laura Seara asegurou que “o noso gran desafío en oito anos de Goberno socialista foi a política de igualdade no ámbito do emprego” e denunciou que “nun ano e tres meses do Goberno de Rajoy as cousas cambiaron”. 

Así, a deputada socialista denunciou que “a lei de Igualdade de 2007 revolucionou o mercado laboral, pero hoxe estase a incumprir. Sacamos unha lei contra a violencia de xénero, e agora se reduciu nun 30% o orzamento para estas políticas. 

A lei de Dependencia estase desmantelando e vanlle dar o tiro de graza”. Ademais, lamentou que “estase deixando esmorecer as organizacións de mulleres, culturais, xuvenís... e con elas esmorece unha parte da democracia”.

Formación e mercado laboral
Finalmente, Seara denunciou o “divorcio radical entre a formación e o mercado laboral. A fenda salarial en Europa é do 17% e en España chega ao 24%. É dicir, unha muller ten que traballar 52 días máis para cobrar o mesmo ca un home no mesmo posto de traballo”. 

A deputada socialista lamentou que o PP deixara sen efecto o plan de inspección laboral posto en marcha polo Goberno Zapatero pois “a desigualdade non vai nos fixos, senón que se fai por detrás a través de incentivos, produtividade, etc”. Así mesmo, criticou especialmente a Reforma Laboral do PP, polo dano que fixo sobre as mulleres.

*