miércoles, 20 de marzo de 2013

O PP de Ordes pedirá no pleno o desvío definitivo do tráfico pesado do centro da vila

Unha formigonera encarando esta tarde a vila de Ordes dende a N-550, ignorando o desvío da ronda leste.

Martínez Sanjurjo reclama “medidas reais, non só decisións estéticas” e solicitará a implicación activa da Policía Local

Os populares tamén pedirán explicacións sobre o "pésimo estado de conservación" dos baixos da Alameda

O Grupo municipal do Partido Popular de Ordes informou hoxe de que defenderá no pleno deste xoves unha moción para instar ao Concello de Ordes a adoptar as medidas necesarias para desviar pola Rolda Leste o tráfico pesado que na actualidade atravesa o centro da vila.

A avaría dun camión provocou, o pasado 6 de marzo, serios trastornos no centro da vila durante varias horas. A xuízo do PP local, este feito marcou un “punto de non retorno” que obriga ao Goberno local a adoptar “medidas reais, e non só decisións estéticas como as tomadas ata o de agora”, en palabras do portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo.

A tal efecto, a moción que o Partido Popular someterá á Corporación propón que nos accesos á rolda Leste se substitúa a actual sinalización vertical provisional que prohibe o tráfico de camións polo centro da vila por elementos de maior tamaño e, polo tanto, máis visibles.

Simultaneamente, o PP de Ordes reclama a implicación directa da Policía Local de maneira que nunha primeira fase sitúe unha patrulla, alternativamente, nos accesos á Rolda Leste para animar ao tráfico pesado a utilizar esta vía de circunvalación. E xa nunha fase posterior, o PP entende que a Policía Local debería ampliar o abano de medidas disuasorias, incluíndo as de carácter sancionador.

Outros asuntos
Os populares tamén reclamarán explicacións ao Goberno local polos elevados importes aboados con concepto de alugueiro de carretillas elevadoras, así como polo abono de unha factura dunha caseta para a piscina municipal descuberta, durante os meses do outono, cando as instalacións permanecían xa pechadas ao público.

Tamén aseguran que a "lixeireza" coa que o Goberno de Regos administra os recursos públicos será obxecto de outras preguntas, como as que tratarán de indagar respecto ao importante incremento do importe das facturas aboadas en concepto de xestión laboral e reclamacións de danos patrimoniais.

O PP reclamará tamén a reposición dun contedor de lixo no lugar de Carballedo, en Buscás, dado que o anterior está inutilizado desde finais do ano pasado.

As reclamacións formuladas por algúns usuarios das pistas de atletismo, que piden adecuar o horario de apertura ás necesidades dos usuarios, serán tamén trasladadas ao Pleno.

Tamén pedirán explicacións do uso lle vai dar ás farolas que está a substituír de varias rúas do centro da vila, malia o bo estado que presentan, dado que foran instaladas en datas recentes.

Fendas e filtracións na Alameda
O Grupo Municipal do Partido Popular pedirá explicacións sobre o "pésimo estado" de conservación –con fendas e filtracións de auga- que presentan os baixos da Alameda, malia que foron executados hai tan só catro anos e supuxeron un investimento superior a un millón de euros. 

Entre outros asuntos, o PP tamén formulará un rogo para que o Concello arranxe as deficiencias que presenta a estrada que enlaza o núcleo de O Peñasco con Barbeiros  e pedirá explicacións sobre o apagado das farolas de A Brea (Ardemil), que levan 15 días fóra de servizo.

*