Entre as obras pendentes figuran os abastecementos e saneamentos na Espenica e no Mesón do Vento
O secretario xeral da Agrupación Socialista de
Ordes, Xesús Pedreira, denunciou o pasado 31 de decembro que os orzamentos aprobados pola Xunta de
Galicia “non destinan nin un só euro en investimentos para Ordes, seguindo a
liña marcada nos últimos exercicios”.
Pedreira critica especialmente que “un
ano mais, os orzamentos da Xunta non contemplan necesarias obras de
abastecemento e saneamento en Ordes, que estaban comprometidas polo anterior
goberno socialista e que mesmo contaban co proxecto realizado, pero que o PP
volve a deixar en nada”.
Denuncia pública
Xesús Pedreira considera que "volve a quedar claro unha vez máis que o Partido Popular non quere facer nada por Ordes, en
contraposición ao Partido Socialista, que fixo os maiores investimentos que se
recordan no municipio”. Por iso, o secretario xeral da Agrupación Socialista de
Ordes insta tamén ao alcalde do municipio, Manuel Regos, a que “deixe de estar
á espera e denuncie publicamente esta situación, para defender os intereses dos
veciños e veciñas de Ordes diante da Xunta ou de quen sexa”.
Entre as obras pendentes figura a segunda fase do
abastecemento e saneamento na Espenica ou o remate das obras de saneamento do
límite do concello con Brea, no Mesón do Vento, cuxa rede está feita pero non
ten conexión á rede xeral.
"Propaganda do PP" en Montaos
Así mesmo, Xesús Pedreira critica a campaña
propagandística que está a levar a cabo o PP de Ordes para ocultar a
inexistencia de investimentos por parte da Xunta no municipio e mesmo para
tentar de apropiarse de cousas que non fixeron. De feito, e sempre segundo o PSOE de Ordes, hai uns días mesmo
visitaron Santa Cruz de Montaos acompañados pola deputada Marta González e pola
senadora María Jesús Sáinz para tratar de venderlles aos veciños as súas
supostas xestións para mellorar a seguridade viaria na zona.
“É unha vergoña que o Partido Popular tente
apropiarse do traballo realizado polos socialistas para tratar de agochar que
levan varios anos sen facer nada por Ordes e sen poñer en marcha proxectos que
deixaramos feitos”, explica Xesús Pedreira, quen lembra que “neste caso
concreto incluso xa existe un proxecto en Conservación de Carreteras para
mellorar a seguridade nos accesos a Fosado e Queis”.
Un proxecto que mesmo foi
presentado polos socialistas aos veciños e veciñas de Santa Cruz de Montaos
pero que leva meses esquecido polo Goberno do Partido Popular.
Xesús Pedreira lembra que “o PP non fai nada por
Ordes e, menos aínda, por Santa Cruz de Montaos, onde tivemos que ser os
socialistas quen demandaramos que Fomento cambiase a sinalización horizontal
que instalou na zona e que causaba serios problemas aos veciños e veciñas desta
parroquia”.
Xesús Pedreira (PSOE). |
POS 2013
De todos modos, ao secretario xeral da Agrupación Socialista de
Ordes non lle é novidoso este proceder por parte dos dirixentes do PP de Ordes
xa que “hai unhas semanas alardeaban na prensa dos cartos que a Deputación do
PP ía investir en Ordes a través do POS 2013, pero non dixeron que eses cartos non
son máis que o mínimo que marca a Lei”.
Unha
situación que os socialistas contrapoñen coa etapa do bipartito, na que se
acometeron proxectos tan importantes para Ordes como a construción do parque do río Mercurín, a circunvalación de Ordes ou a nova cidade deportiva.
*