Pedreira: "Eses cartos son produto do déficit de investimentos que Ordes tivo durante os últimos catro anos de goberno do PP nos que non se fixo practicamente nada”
Os socialistas presentarán unha enmenda aos Orzamentos da Xunta do 2013 para que presenten investimentos necesarios para os veciños
A Agrupación Socialista de Ordes cifra en máis de
4,79 millóns de euros o importe dos incumprimentos da Xunta de Galicia con Ordes,
municipio que volve quedar un ano máis sen ningún compromiso de investimento
nos orzamentos autonómicos de 2013. O secretario xeral da Agrupación Socialista
de Ordes, Xesús Pedreira, denuncia que “eses 4,79 millóns de euros son produto
do déficit de investimentos que Ordes tivo durante os últimos catro anos de goberno
do PP nos que non se fixo practicamente nada”.
Por iso, o grupo parlamentario socialista
presentará no Parlamento de Galicia unha serie de emendas aos Orzamentos da
Xunta de 2013 para que contemplen investimentos necesarios para Ordes. “Moitas
das cousas que pedimos, como é o caso das melloras en abastecemento e
saneamento, xa contan con proxectos aprobados e comprometidos dende o Bipartito”, lembra Xesús Pedreira.
Estrada de Mercurín
Orzamentariamente falando, a petición máis
significativa dos socialistas correspóndese cos 2,8 millóns de euros
correspondentes á mellora e ampliación da estrada de Mercurín, que une o
polígono de Merelle (Ordes) coa localidade de Cerceda. Unhas obras
comprometidas dende o ano 2008 ao abeiro do Plan Miner, cun proxecto elaborado
pola Xunta en 2010, por un importe de 150.000 euros, e cuxo convenio aínda non
foi asinado co Concello de Oroso por falta de vontade política tanto da Xunta
de Galicia como do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.
Especialmente necesarios son os 1,81 millóns de
euros en materia de abastecemento e saneamento que os socialistas solicitan
para o rural ordense, moitos dos cales xa estaban comprometidos pola Xunta
bipartita e mesmo dispoñen de proxecto realizado. Así, os socialistas de Ordes
reclaman 335.000 euros para o saneamento e abastecemento de A Espinica; 320.000
euros para a mellora do abastecemento en Reboredo-A Gorita; e outros 135.000
euros para rematar o saneamento en A Brea, no límite do Concello de Ordes con
Cerceda, onde se dá o paradoxo de que existe unha instalación pero non pode ser
utilizada pola veciñanza porque non están rematadas as obras.
As emendas socialistas tamén recollen 138.000
euros para o saneamento e abastecemento na rúa Nova (Ordes); e outros 239.000
euros para melloras na calidade da auga no Mesón do Vento. Neste punto, o PSOE
de Ordes tamén solicita un investimento de 600.000 euros na mellora da estación
de tratamento de auga potable (ETAP) de Ordes, “que é moi antiga e xa ten ata
fendas”, explica Xesús Pedreira.
Sector textil
Así mesmo, os socialistas reclamarán outros
500.000 euros para a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da
Comarca de Ordes que permita a creación dun centro loxístico e permita a
recuperación dun sector que perdeu máis de 500 empregos nos últimos catro anos.
Un plan que deberá contemplar medidas de apoio ao financiamento do circulante e
do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil,
bonificacións de cotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de
comercialización das empresas do sector.
Ademais, este plan incluiría as
medidas necesarias para o impulso da produción cooperativa en actividades de
subcontratación das industrias, considerando as diferentes fases do proceso
produtivo e non soamente as de menor valor engadido. “Non estamos falando de
veciñas que traballaban dez horas diarias por unha miseria, senón dun sector
que aposte pola calidade”, sinala Xesús Pedreira.
*