A xornada terá lugar o mércores 30 de xaneiro e
será inaugurada polo director xeral de Traballo e polo presidente da
Mancomunidade de Ordes
Ordes acollerá durante a
vindeira semana unha xornada e unha exposición sobre o fomento do
cooperativismo organizadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da
Dirección Xeral de Relacións Laborais, e que contan coa colaboración da
Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, da Rede Eusumo e da Unión
Europea.
Inscricións
A Xornada sobre
Cooperativismo terá lugar o mércores 30 de xaneiro, entre as 9:30 e as 14:00
horas, no salón de actos da casa da cultura de Ordes. A asistencia é de
balde, se ben é preciso anotarse previamente na Oficina de Fomento do
Cooperativismo, no teléfono 981 680 002 ou a través do e-mail manuel.pena@ordes.dicoruna.es.
O prazo de inscrición rematará o martes 29 de xaneiro.
A Mancomunidade de Ordes conta dende finais de 2012 cunha Oficina
de Fomento do Cooperativismo, un novo servizo dende o que se realizan
actividades de formación, información, promoción e sensibilización á sociedade
para divulgar os valores cooperativos, dando apoio a emprendedores e promotores
cooperativistas e facendo especial fincapé en mozos, mulleres e desempregados.
A Oficina está emprazada nos locais da Mancomunidade na rúa Xoxardo, o seu horario de atención ao público é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres.
No acto de inauguración
da xornada, Manuel Regos Boquete estará acompañado polo director xeral de Traballo e
Economía Social, Odilo Martiña Rodríguez. Ademais, contarase coas intervencións
de Xoán Miguel Concheiro Abal, subdirector xeral de Cooperativas e Economía
Social; Ruth Rodríguez Ferreiros, técnica de Agaca; e Rosa Álvarez Bernárdez,
técnica de Ugacota.
A xornada rematará cunha mesa de experiencias cooperativas
na que participarán as cooperativas Nova Aseconia, Xesforesta e Monte Cabalar.
Exposición
Paralelamente, o Museo
do Traxe Juanjo Liñares de Ordes acollerá dende o 29 de xaneiro ata o 3 de
febreiro a exposición itinerante “Descubre as cooperativas”, promovida pola
Consellería de Traballo e Benestar e que será inaugurada o martes 29 de xaneiro, ás
12:40 horas.
Cooperativismo en Ordes
A comarca de Ordes conta
na actualidade cun total de 35 cooperativas postas en marcha, a maioría do
sector agrogandeiro. Os municipios con maior presenza destas fórmula
empresarial son Frades con oito e Ordes con sete, seguidos por Tordoia e Trazo, ambos con cinco cooperativas. Cerceda e Mesía contan con catro cooperativas cada unha, mentres
que Oroso dispón de tres entidades.
Manuel Regos, alcalde de Ordes. |
A frase de Manuel Regos, presidente da Mancomunidade de Ordes
“As cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e que, ao contrario do que moitos pensan, non só se pode aplicar ao mundo agrario e gandeiro, senón que hai moitas modalidades e moitas liñas de axuda moi interesantes.
De feito, son as únicas fórmulas empresariais que están a crear emprego neste contexto de crise”
*