miércoles, 2 de enero de 2013

Da comezo a toma de posesión provisional da parcelaria de Beán-Pereira

Así o anunciou a Consellería de Medio Rural o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 31 de decembro publicaba o anuncio do 10 de decembro de 2012 polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Beán-Pereira co seguinte contido:

"Despois de publicar o acordo de concentración parcelaria da zona de Beán-Pereira (Ordes-A Coruña) e xa que o número de recursos presentados e pendentes de resolver non excede o 6 % dos titulares das explotacións, nin os reclamantes representan máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisional dos novos predios con data do 7 de novembro.

Todas as persoas interesadas tomarán posesión dos seus terreos obrigatoriamente, sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (segundo o artigo 44 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia).

Se algún propietario non permite a toma de posesión dos novos predios no prazo que se indica neste aviso, será apercibido e logo será obxecto de compulsión directa (artigo 45 da antedita lei), ademais de impoñerlle as sancións económicas que procedan, conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes da citada lei.

Reclamacións
Os interesados poderán reclamar sobre as diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais que contarán a partir da data en que os predios se poñan ao seu dispor (artigo 46). Deberán achegar coa reclamación ditame pericial visado polo colexio correspondente.

Os prazos para a toma de posesión son os seguintes:
a) Labradíos sen colleita pendente, prados e pasteiros: o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

b) Os restantes predios, no momento de seren retiradas as colleitas que estivesen pendentes de recolección no día antes citado.

c) En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses que contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas, sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan.

Así mesmo, deberán adoptarse as medidas relativas á prevención de incendios forestais previstas na lexislación vixente.

A Coruña, 10 de decembro de 2012
Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña"