domingo, 27 de enero de 2013

O punto limpo de Ordes recolleu máis de 268.000 quilos de residuos no 2012


Foron 25 000 quilos menos que o ano 2011 por mor da crise da construción

As últimas cifras na recollida selectiva de residuos rexistradas no Punto Limpo de Ordes poñen de manifesto a importancia destas instalacións, así como o elevado grao de concienciación que os veciños e veciñas teñen adquirido en materia de reciclaxe. Ao longo do pasado 2012 preto de 268.500 quilos de residuos de toda índole foron depositados neste espazo.

Entre os materiais que máis se depositaron destacan os de construcción (formigón, ladrillos e tellas), con arredor de 30.400 quilos. A isto hai que engadir outros 122.130 quilos doutros  materiais diversos procedentes de obras e demolicións, así como os 17.400 quilos de metais. Se falamos de lodos de pintura e barniz con disolventes foron 32 quilos. No caso dos aceites usados hai que falar de 1.100 quilos, sendo 58 quilos a cantidade de aceites vexetais e 44 quilos de filtros de aceite.

No que se refire a mobles, colchóns e outros voluminosos similares a cifra situase nos 23.400 quilos, e 5.150 no caso dos neumáticos usados, 3.200 quilos de electrodomésticos, ademais doutros 9.150 quilos de televisores e outros equipos similares. Tamén é importante a cifra de 24.300 quilos de material diverso de distinta composición e uso que se rexistraron ao longo de todo o ano. 

Plásticos agrícolas
A cifra alcanzada polos plásticos agrícolas ocupa un lugar importante con case 21.000 quilos, mentres que  9.600 quilos foi a cantidade dos demáis tipos de de plásticos e cauchos. Atendendo aos envases as cifras sinalan 36 quilos en envases de plásticos e 34 quilos en aerosoles. 

Tamén hai rexistro doutros elementos como os 40 quilos de toners de impresión, 2 quilos de radiografías, 900 de cartón, 160 de tubos fuorescentes ou 450 de pilas usadas.

Comparando coas cifras xerais do pasado ano o nivel de recollida descendeu nun total de 25.000 quilos. A maior baixada produciuse no caso dos materiais de construcción con 13.000 quilos menos.

*