miércoles, 2 de enero de 2013

O PSOE alerta aos veciños da parcelaria Beán-Pereira sobre a posible afección das súas fincas

Os propietarios de fincas deberíann dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para coñecer este extremo

Pedreira: "Instamos á Xunta a informar aos veciños de cales son eses límites de afección do Camiño Inglés, sobre todo ao seu paso por Carrás, para que non volvan acontecer os problemas de anteriores parcelarias"

A Agrupación Socialista de Ordes aconsella aos veciños e veciñas afectados pola concentración parcelaria de Beán-Pereira, e por cuxas fincas discorra (ou pase preto) o Camiño Inglés, a que se informen na Dirección Xeral de Patrimonio sobre a afección que teñen esas fincas antes de realizar calquera tala ou alteración. 

Un consello que pretende evitar os problemas acontecidos hai varios anos durante a parcelaria de Santa Cruz de Montaos, na que algúns veciños tiveron problemas coa Administración Autonómica ao non coincidir os datos xerais do Servizo de Montes cos que aplicaba a Dirección Xeral de Patrimonio á hora de protexer o Camiño de Santiago.

Tala de árbores
Unha situación especialmente delicada no caso das talas de árbores, sobre as que o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31 de decembro asegura: “En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses que contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas, sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan”.


Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
"Dende a Agrupación Socialista de Ordes instamos á Xunta a informar de xeito claro e sen equívocos aos veciños de cales son eses límites de afección do Camiño Inglés, sobre todo ao seu paso por Carrás, para que non volvan acontecer os problemas de anteriores parcelarias”

“Sen embargo, a Orde non fala nada da protección aplicable ao Camiño, polo que instamos á Consellería a informar de xeito claro aos veciños e evitar así problemas como os acontecidos hai uns anos”

“Se a Consellería non inclúe especificamente que non hai afección sobre o Camiño Inglés, o noso consello é que tamén pregunten en Patrimonio para evitar calquera sanción”

*