jueves, 8 de mayo de 2014

Os municipios da comarca de Ordes rechazan por unanimidade a reforma xudicial de Gallardón

Momento do pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
Tamén reclaman á Xunta unha reforma da Administración de Xustiza

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordó o pasado martes e por unanimidade dirixirse ao Goberno de España para solicitarlle a retirada do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, mediante o cal desaparecería o partido xudicial de Ordes

Na moción presentada, e que coincide coa tamén aprobada no pleno municipal ordense do pasado mes de abril, tamén se reclama unha reforma da organización da Administración de Xustiza coa inclusión da transferencia da competencia exclusiva a Galicia na dita materia. 

Por outra banda, reclámase á Xunta de Galicia a que manifeste a súa oposición á implantación dos tribunais de instancia provincial, á supresión dos partidos xudiciais nas vilas que son cabeceiras de comarca e que demande a retirada do Anteproxecto de lei. 

Tamén a que inicie os trámites para a solicitude das competencias para a demarcación e organización xudicial galega. Por último destácase a creación dun grupo de traballo para definir o mellor modelo segundo as peculiaridades e características demográficas, sociais e territoriais de Galicia. 

Un grupo no  que terían presenza representantes dos grupos parlamentarios, dos concellos, das organizacións representativas de todos os operadores xudiciais e que serviría como base para a negociación co Goberno de España. 

Servidume aérea
Por outra banda, e tamén co acordo dos sete alcaldes da comarca, aprobouse instar ao Ministerio de Fomento e á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) a que se teña en conta o Solo de Núcleo Rural como Núcleo Urbano Consolidado

Con iso evitaríase a dilatación do tempo para a concesión de licenza de cara a obras de menor envergadura en bens inmobles, xa que dende a entrada do Real Decreto 297/2013 todos os expedientes de obras que se atopen dentro da servidume aeronáutica do aeroporto de Santiago de Compostela deberán ser remitidos a AESA. 


Outras das medidas adoptadas na sesión que tivo lugar onte foi a solicitude á Xunta de Galicia de dúas subvencións por valor de 37.600 e 20.000 euros para a continuación do Programa de Fomento ao Cooperativismo e para o Servizo de Normalización Lingüística, respectivamente.

*