O grupo de Goberno de Ordes, esta mañá, durante o pleno extraordinario. |
As medidas foron apoiadas polo grupo de Goberno e PSOE, coa negativa de PP e BNG, e a abstención de CideGa
A Corporación municipal do Concello de Ordes aprobou esta mañá, en pleno extraordinario e cos votos a favor do grupo de Goberno e PSOE, os orzamentos de Ordes do ano 2014. Unhas contas , a tenor da tenente de alcalde, Silvia Marín, “responsables, equilibradas, reais e austeras” que
ascenden a algo máis de 9.200.000 euros e que “priorizan as políticas sociais,
o fomento do emprego e a educación” e que incrementan nun 15 % a partida para
servizos sociais e educativos.
Na liquidación orzamentaria de 2013
obtiveron un remanente de tesourería de máis de 1.182.000 euros. Amortizouse
débeda por un importe de preto de 630.000 euros, tendo como obxectivo para o
actual exercicio preto de 655.000 euros. Estas cifras tradúcense, segundo informa o Concello de Ordes, nunha
redución da amortización da ratio de endebedamento en dez puntos, quedando establecida a
redución per cápita nun 16%.
No capítulo de gastos un 40% corresponden
a bens, servizos e gastos correntes; algo máis dun 2% a gastos financeiros;
5,20% a transferencias correntes; preto dun 23% a investimentos reais; máis dun
8% a operacións financeiras relacionadas con pasivos financeiros e preto do 20%
a gastos de persoal. Neste último punto o Concello de Ordes continúa á cabeza
dos que menos gastan, estando a media en Galicia nun 35%.
Investimentos
No que atinxe aos investimentos en
infraestruturas destacan os 625.000 euros para obras de saneamento no rural, os
150.000 euros para pavimentar vías do parque empresarial ou os máis de 160.000 euros para intervencións na parroquia de Leira ou Barbeiros, así como os 73.000 para
o bombeo e saneamento na zona de Brea na parroquia de Ardemil.
No que se refire aos ingresos a maior
porcentaxe corresponde a impostos directos, cun 23%, correspondéndolle ás
transferencias correntes e de capital preto dun 17% e 19% respectivamente. Os
impostos indirectos, taxas e ingresos patrimoniais completan o capítulo en
arredor dun 40%.
Os Orzamentos Municipais do 2014 non contaron co
apoio do grupo do PP e BNG e CideGa abstívose.
Apoio do PSOE
O PSOE de Ordes apoiou os Orzamentos
Municipais logo de que o Grupo de Goberno aceptase as propostas
presentadas polos socialistas, especialmente en materia de servizos sociais e
educativos, que medran un 15% tal e como esixira o PSOE ordense.
Xesús Pedreira
destacou que “aínda que hoxe mesmo se incluíron varias das nosas propostas no
Plan DTC 93, como os arranxos nas rúas Carnota e Igrexa, os socialistas
estarmos vixiantes para comprobar que se cumpren os compromisos como se veu
facendo ata o de agora, como sucede coa reparación da pista que vai dende a
Fraga da Galiña ata a estrada Ordes-Portodemouro”.
O voceiro socialista amosou a súa satisfacción
polo incremento nun 15% da partida destinada a servizos sociais, xa que
“permitirán axudar ás familias máis vulnerables de Ordes, que foron as que
sufriron con maior dureza os brutais recortes realizados polo Partido Popular”.
Ademais, espera que proxectos como a mellora da piscina descuberta de Ordes, a
construción de pistas de baloncesto e tenis da cidade deportiva de Vista
Alegre, a reforma do local social de Pereira, a continuación do Paseo do Río
Mercurín e a mellora do alumeado público na rúa Laranxal poidan ser executadas
ao longo do próximo exercicio. “Hoxe o interventor explicou que parte destes
investimentos estará condicionado aos ingresos, polo que estaremos especialmente
vixiantes”, apuntou Pedreira.
A negativa do PP
O Grupo
Municipal do Partido Popular de Ordes votou en contra dos Orzamentos por entender que o documento orzamentario presenta
desequilibrios entre ingresos e gastos, e non atende as principais necesidades
dos veciños.
O
portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, condicionara un
hipotético apoio aos orzamentos a que nestes se consignasen partidas económicas
para financiar actuacións básicas e necesarias, como o mantemento e limpeza da
rede viaria municipal, a mellora integral da sinalización integral da
vila ou a necesidade de buscar
autofinanciamento para servizos moi deficititarios, como a radio municipal ou o
Museo do Traxe, que lastran as arcas públicas.
A
estas carencias, o PP suma outras eivas, como a falta de nivelación dos
Orzamentos, que consignan como ingresos posibles futuras subvencións sobre as
que non existe constancia algunha de concesión, tal e como advirte o informe
elaborado pola Intervención Municipal.
Martínez
Sanjurjo destacou tamén que o Orzamento municipal de Ordes para 2014 foi tramitado
un ano máis con retraso, xa que debería ter sido presentado ao Pleno antes do
remate do ano 2013, e sinalou que o texto está lastrado pola débeda xerada polo
Executivo que dirixe Manuel Regos, e que impide executar un plan de
investimentos que podería contribuír a reactivar a economía local.
Calcula o PP
que Ordes pagará en xuros polos créditos pendentes o equivalente ao 61% do
investimento real directo programado con fondos municipais.
Criticou
tamén o voceiro popular a “suba xeneralizada de impostos” consecuencia do “catrastrazo” impulsado por
Regos en 2012, da nova ponencia de valores do exercicio 2013, pero tamén
do aumento de outras taxas por enriba do
IPC.
O 'non' do BNG
Pola usa banda, o portavoz municipal do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, e "ao igual que o Interventor Municipal", considera
que os 625.500 euros previstos para saneamentos, así como os 155.909 euros para acondicionamento
do Salón de Plenos na antiga Casa Consistorial non deberían estar contabilizados
nos Orzamentos, porque non se ten asinado ningún convenio coa Xunta, nin se ten
aprobada ningunha subvención por parte da Xunta nin da Deputación Provincial.
Ademais, asegura, "Regos sabe que esas cantidades non van ser concedidas por estes
organismos”.
Ao
non estar concedidos nin comprometidos estes proxectos, o orzamento real do
Concello de Ordes, aseguran, ascende a 8.486.823,9 euros, un 10% menos que os que aprobaron
UxO e PSOE
Para Recouso “Manuel Regos pretende enganar aos veciños e veciñas, falsificando uns
orzamentos que soamente van ter uns investimentos reais do 14% do presuposto
real, ascendendo os gastos correntes a un 86%, e cuns gastos financeiros
(amortizacións e intereses) de 951.740,33 euros”
Afondar
na débeda do Concello xa é redundante, “segundo o informe de Intervención
elaborado pra aprobación da Conta Xeral 2013 a débeda per cápita de Ordes
ascende a 581,46 euros, e dicir arredor de 7.500.000 euros.
Ramiro Recouso fixo fincapé
“na miserábel partida orzamentaria para a promoción de emprego, na redución de
axudas destinadas ás asociacións culturais do Concello, no aumento da presión fiscal sobre os veciños
co aumento do IBI e da nula redución de gasto, poñendo como exemplo o déficit que
volven a xerar o Museo do Traxe, 46.317 euros; Radio Ordes, 54.453 euros; servizo da
O.R.A. 27.223,48 euros, ou mesmo o feito de seguir pagando 13.000 euros polo aluguer da
antiga estación de ferrocarril, sen que se use para nada”
O portavoz nacionalista
salientou que “Regos
volve a deixar a estrada Ordes-Cerceda no esquecemento, dado que non destina un
orzamento mínimo para o seu acondicionamiento.
Recouso salientou tamén “a reedición do Goberno de Coalición da pasada
lexislatura entre UxO e PSOE, goberno que nos levou a esta situación de quebra
técnica que sofre o Concello de Ordes”
No
pleno de hoxe ademais tamén se aprobaron, coa excepción do BNG, obras por un
importe de arredor de 250.000 euros correspondentes ao Plan DTC 93 da
Deputación da Coruña. Concretamente investiranse 196.000 euros para a
reparación das rúas da Igrexa, Xardín, do Mercado, Compostela, do Parque,
travesía do Regueiro e Carnota, onde se contempla a reparación do pavimento,
obras de drenaxe e finalización.
Tanto na rúa Mestre Nicolás como noutros
puntos do núcleo urbano levaranse a cabo labores de mantemento do alumeado
público, os cales consistirán na modificación e renovación das ditas
instalacións por un importe que supera os 50.000 euros.
*