miércoles, 21 de mayo de 2014

A aplicación da lei fará desaparecer as festas parroquiais, asegura o PSOE de Ordes

A normativa esixe previa licencia para montar escenarios

Pedreira: "Non haberá comisión de festas capaz de reunir tanta documentación ou de afrontar o gasto que suporía conseguir tantos permisos polo que suporía o fin para as festas parroquiais”

O PSOE de Ordes advirtiu hoxe de que a aplicación da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia podería supoñer un importante problema que podería derivar na desaparición das festas parroquiais

O problema radica no apartado C do Artigo 41 da Lei, que indica que “a celebración de espectáculos e de actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran instalacións de escenarios e estruturas móbiles estarán sometidos a licenza”. 

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, advirte do “conflito que vai causar esta normativa xa que se os Concellos a aplican con rigorosidade, non haberá comisión de festas algunha que sexa quen de reunir tanta documentación ou de afrontar o gasto que suporía conseguir tantos permisos, licenzas e autorizacións, polo que suporía o fin para as festas parroquiais”.


Moción no Parlamento
Por iso, os socialistas de Ordes veñen de presentar unha moción plenaria para instar ao conselleiro de Economía e de Industria que derrogue o apartado C do Artigo 41 da Lei 9/2013

Unha reflexión que dende a Agrupación Socialista de Ordes xa trasladaron ao grupo parlamentario socialista, cuxo deputado autonómico Xosé A. Sánchez Bugallo tamén vén de presentar unha pregunta parlamentaria dirixida ao conselleiro de Economía e de Industria para coñecer que ten previsto facer para evitar estes problemas.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“O cumprimento desta norma obriga aos organizadores das festas tradicionais nas parroquias a presentar proxectos de seguridade e de instalacións

“Estamos falando de estudos de impacto acústico, plans de emerxencias... e moita máis documentación que non é nada doado reunir para unha comisión de festas das nosas parroquias, que posiblemente se vería obrigada a facer un desembolso importante para conseguir toda esta documentación ou a contratar a algún profesional que a fixera por eles. E polo que xa nos dixeron algunhas comisións de festas de Ordes, non terán capacidade para afrontar estes novos gastos”

“Con esta Lei, o Partido Popular está a crear un conflito moi importante na cidadanía galega”.

*