Paloma Rodríguez e Xesús Pedreira, onte na estación da Pontraga, en Ordes. |
A estación está suxeita a un contrato de aluguer por 23 anos a un prezo anual de 9000 euros
Pedreira: "Eses cartos poderían investirse no mantemento da Pontraga e poñela a disposición dos veciños para actividades sociais, cultural ou turísticas"
A deputada socialista Paloma Rodríguez vén de
presentar ante o Congreso dos Deputados, a instancias da Agrupación Socialista
de Ordes, unha proposición non de lei para que o Goberno ceda a titularidade da
antiga estación de ferrocarril da Pontraga ao Concello de Ordes.
“Unha cesión
que tería lugar por un importe simbólico e co compromiso de que as instalacións
se dediquen a fins de tipo social, turístico, cultural e dinamizador do
benestar dos veciños e da economía de Ordes”, explica o voceiro municipal Xesús
Pedreira, quen onte mércores acompañou a Paloma Rodríguez durante a súa visita
á estación.
Pedreira lembra que o 27 de marzo de 2008, o
Concello de Ordes e o ADIF asinaron un contrato de aluguer tanto do
inmoble da estación da Pontraga como da totalidade do recinto ferroviario por
un período de 23 anos. Vintetrés anos durante os cales o Concello de Ordes
tería que abonar o pago dun aluguer de 9.000 euros anuais, o que suporía un
gasto total mínimo de 207.000 euros.
Xesús Pedreira considera que “nestes
tempos de crise económica é abusivo que o Concello teña que pagar estas
cantidades, sobre todo tendo en conta os investimentos e os traballos
realizados na Pontraga, especialmente durante os obradoiros de emprego, que
impediron a total desaparición deste inmoble, que estaba totalmente abandonado
polo ADIF a pesar do seu valor arquitectónico”.
Os socialistas de Ordes agardan que o ADIF ceda a
titularidade do inmoble e lembran que se a estación continúa en pé foi grazas
aos investimentos realizados polo Concello de Ordes. “Xa lle temos reclamado en
moitas ocasións a ADIF a cesión da Pontraga, incluso chegamos a iniciar
conversas formais nese sentido pero non avanzan”, explica Pedreira.
A última vez na que os socialistas ordenses
reclamaron a cesión da Pontraga foi a finais de 2013, coincidindo coa
presentación da súa proposta de Senda Verde.
Unha reclamación que tampouco foi
atendida por ADIF. Neste sentido, Pedreira explica que “non ten sentido seguir
abonando 9.000 euros anuais a ADIF cando eses cartos poderían investirse en
continuar no mantemento da Pontraga para que poda estar a disposición dos
veciños e veciñas de Ordes, que poderían utilizala para actividades sociais,
cultural ou turísticas”.