viernes, 16 de mayo de 2014

O PP de Ordes revela débedas do Concello con Sogama por valor de case 250.000 euros

Martínez Sanjurjo: "O alcalde debe recoñecer que o burato financeiro que el mesmo xerou condicionará as inversións nos próximos anos"

O Partido Popular de Ordes ven de manifestar que o Concello de Ordes "oculta" aos veciños as "verdaderas razóns" que se agochan detrás da devolución da factura de Sogama correspondente ao pasado mes de marzo.

Máis aló dos argumentos aportados oficialmente polo Concello, o Partido Popular asegura que a bancarrota xerada polo Executivo que preside Manuel Regos fixo que este xa deixara de pagar facturas de Sogama durante varios meses dos anos 2010 e 2011, xerando unha débeda total de preto de 250.000 euros

En agosto de 2012, Concello de Ordes e Sogama asinaron un acordo encamiñado a liquidar esa débeda, que se continúa saldando a día de hoxe e que obrigará ao Concello a efectuar un desembolso de 138.009,42 euros no ano 2014, e deixando aínda pendente a contía de 42.806,68 euros para 2015 con esa mesma finalidade.

Débeda viva
A día de hoxe e sempre a xuizo do PP local, o Concello de Ordes acumula unha débeda viva total de 6,36 millóns de euros, aos que hai que sumar débedas con outras Administracións e os importes dos xuros dos préstamos bancarios que remataremos de aboar no ano 2022.


Tan só esta débeda viva, a contraída coas entidades bancarias, supón que cada veciño de Ordes responde por 500 euros, practicamente duplicando á media galega, situada en 260 euros por habitante.

 As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“En lugar de gastar os cartos dos veciños en pancartas e revistas, o alcalde debería poñer todas as contas en orde, contar a verdade aos veciños e recoñecer que o burato financeiro que el mesmo xerou a partir do verán de 2007 no Concello condicionará as inversións nos próximos anos”

*