viernes, 29 de noviembre de 2013

O PSOE reclama 1,3 millóns de euros da Xunta para investimentos en Ordes

O voceiro socialista de Ordes, Xesús Pedreira e o parlamentario Xosé A. Sánchez Bugallo, esta mañá na ETAP de Ordes.

Xesús Pedreira e Xosé A. Sánchez Bugallo presentaron esta mañá as emendas ao proxecto de orzamentos autonómico

Os socialistas advirten de que é urxente a reparación dos depósitos de auga potable da vila e o acondicionamento da estrada de Mercurín

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, e Xosé Antonio Sánchez Bugallo, parlamentario autonómico socialista, presentaron esta mañá as emendas relativas a Ordes presentadas polo grupo parlamentario ao proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2014, que suman preto de 1,3 millóns de euros.

A principal proposta presentada é a dotación de 600.000 euros para a mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) situada nas proximidades do polígono de Merelle

Os depósitos que abastecen a vila, que teñen arredor de cincuenta anos, comezan a presentar fendas nas súas paredes exteriores, o que aconsella a súa reparación para evitar riscos e problemas de subministro

Sánchez Bugallo instou á Xunta a “implicarse neste problema a través dos Orzamentos, xa que se trata dunha mellora moi necesaria”. Pedreira engadiu que ademais o Concello debería “poñerse en contacto con Augas de Galicia para que a administración se responsabilice deste asunto”.

Polígono industrial
A segunda emenda máis relevante, por volume económico, son os 300.000 euros que os socialistas solicitan para a mellora e ampliación da estrada entre o polígono industrial de Ordes e Cerceda a través da parroquia de Mercurín

Trátase da achega que debería facer a administración autonómica para un proxecto valorado nun total de 2,8 millóns de euros e que fora comprometido en 2008 ao abeiro do Plan Miner

Mesón do Vento
Outras dúas emendas teñen que ver coa extensión e mellora das redes de abastecemento e saneamento. En concreto, os socialistas demandan 225.000 euros para unha intervención que permita mellorar a calidade da auga que se subministra ao Mesón do Vento (Ardemil) e outros 122.000 euros para a auga e o saneamento nos lugares de Reboredo e da Gorita, da Brea, do Mesón do Vento, e entre Poulo e Lavandeira e desde Vilariño ata Buscás.

Museo do Traxe

Por último, outra das emendas destacadas presentadas hoxe son os 50.000 euros necesarios para rehabilitar varias dependencias do antigo centro de saúde, desde hai uns anos convertido no Museo do Traxe Juanjo Liñares

A partida serviría para instalar mecanismos que estabilicen a humidade do edificio dun xeito eficiente e para reformar o soto, na actualidade aproveitado como un pequeno almacén, evitando as humidades que presenta. 

Xesús Pedreira explicou que estas intervencións contribuirían a optimizar a conservación da colección do museo, que “é probablemente o maior patrimonio cultural co que conta a comarca”.

*