viernes, 15 de noviembre de 2013

A Corporación de Ordes reduce a taxa do lixo no rural e a mantén no núcleo urbán

O grupo de Goberno de UxO, onte durante a celebración do pleno extraordinario da Corporación.
UxO, PSOE e CideGa, a favor das medidas; PP e BNG, en contra

A Corporación municipal do Concello de Ordes celebrou na mañá de onte un pleno extraordinario no que se acordou modificación de diversas ordenanzas tributarias. Entre elas destaca a do lixo, que non sufrirá incremento algún salvo o marcado polo IPC e que no ámbito rural incluso se verá  reducido. 

De cara ao 2014 pagarase pouco máis de 6,70 euros en urbano e de 4,50 no rural. “Temos claro que non vamos a cargarlle á poboación de Ordes o incremento que Sogama pretende aplicarlle aos concellos de máis dun 33%”, manifestou o alcalde Manuel Regos. 

Por parte da tenente de alcalde, Silvia Marín, defendeu esta medida “sobre todo tendo en conta aos pequenos empresarios e autónomos que cada día levantan este país”. Os propietarios de locais comerciais e baixos baleiros tamén verán reducida o seu recibo, cifrándose en catro euros no urbano e dous euros en zona rústica

O mesma conxelación se aplicará á taxa de abastecemento, distribución e saneamento da auga, “sen esquecer que Ordes está a cumprir con canon da auga que se lle paga á Xunta de Galicia e que non remata investíndose no municipio”, manifestou o edil.

"Política responsable" para o PSOE
O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, asegurou que “dende o PSOE estamos a facer unha política responsable que intenta minimizar o impacto das taxas municipais sobre os veciños” e fai un chamamento aos grupos municipais do PP e do BNG a que “abandonen o discurso distorsionador da realidade, co que só andan á busca de réditos políticos, e fagan propostas que busquen o mellor para os nosos veciños”.

Neste sentido, Pedreira Mirás sinala que “os socialistas temos outra maneira de facer as cousas. Non estamos a favor da suba do IBI e sabemos que o momento económico non é bo, pero tamén somos conscientes de que levaba 20 anos sen ser revisado e que é algo que non podemos evitar dende a Administración municipal”. 

“Como non podemos evitalo”, continúa Xesús Pedreira, “dende o PSOE buscamos formas de minimizar naquelas áreas nas que si poida actuar o Concello. Por iso levamos dende o pasado mes de xuño pedindo a bonificacións do 95% no IBI ás explotacións agrogandeiras, unha proposta que fixemos os socialistas e que agora tanto o PP como o BNG pretenden apropiarse”.

Bens inmobles 
No caso dos bens inmobles aplicaranse exencións e bonificacións prevista na lei naqueles casos de familia numerosa, e o Goberno local asegura que o gravamen reducirase nun 0.58% de cara ao ano 2015. No referente aos impostos en vehículos de tracción mecánica con 25 anos de antigüidade aplicarase unha bonificación do 100%. 

Facendo referencia ás modificacións catastrais, o Goberno local defende a súa realización tras 20 anos nos que non se facía ningunha revisión e que finalmente baixará o seu tipo impositivo nun 2,77%

Non obstante, Manuel Regos posibilitou aos representantes das distintas formacións o plantexamento de preguntas e cuestións na aplicación de bonificacións de explotacións agrogandeiras, para transmitilas no seguinte encontro que se realice cos responsables do catastro. 

Neste eido especificouse a dificultade de aplicalas en moitas delas ao estar conxuntamente no mesmo código as vivendas e as instalacións agropecuarias.

"Discriminatorio" para o PP
Dende o PP de Ordes, que votaron en contra, o seu portavoz municipal, José Luis Martínez Sanjurjo, denunciou que a política fiscal do Concello de Ordes é discriminatoria, e puxo como exemplo que a ponencia de valores que serve de base para a suba do IBI e o novo texto da ordenanza fiscal número 1, acordos de notificacións de valores xirados a tódolos obrigados tributarios logo da decisión impulsada unilateralmente polo Concello, e que trata de maneira diferente a bens situados na mesma rúa da vila e con idéntico aproveitamento urbanístico

É dicir, bens de idénticas características pagarán impostos diferentes por unha incorrecta revisión e planificación municipal dos traballos técnicos, e que en consecuencia converte a ponencia en totalmente arbitraria.

Denunciou tamén o portavoz popular que se ben a media dos recibos do IBI subirán un 53% en 10 anos (2014-2023), existen contribuíntes que deberán facer fronte a subas no mesmo período superiores ao 100%.  

Os afectados son, na maior parte de estes casos, veciños que acaban de construír ou adquirir as súas primeiras vivendas e que ademais deben facer fronte a hipotecas de máis de 30 anos, co que a subida do IBI supón unha penalización adicional dificilmente soportable.

"Fariseismo" para o BNG
A medida, tamén criticada polo grupo municipal do BNG, foi definida polo seu portavoz, Ramiro Recouso, como  fariseísmo” de Manuel Regos, que pretende vender unha conxelación de taxas e prezos públicos, como “contraprestración” á sua necesaria complicidade na aplicación do 'catastrazo' que sufriran os habitantes de Ordes. 

Para Recouso “de pouco vai valer conxelar o resto das taxas e prezos públicos, cando o IBI vai sofrer un incremento do 50% nos vindeiros anos”.

O BNG lamenta que “Regos siga teimando no aumento da presión fiscal sobre os cidadáns de Ordes, na vez de reducir gastos superfluos ou mesmo suprimindo servizos, concesións ou asesoramentos técnicos que son altamente deficitarios". 

"Cabe lembrar que nos Orzamentos 2013, contémplase un déficit no Museo do Traxe de 54.000 euros, en Radio Ordes de 42.600 euros, no servizo da ORA de 36.000 euros ou mesmo a 'comisión' que  cobra a Deputación Provincial pola recadación dos impostos municipais que ascende a 165.000 euros”, asegurou Recouso.


Consello escolar municipal

 O outro punto da orde do día correspondía á creación do consello escolar municipal, do cal formarán parte máis de 20 representantes. Mediante este organismo velarase o bo funcionamento da actividade académica e escolar no municipio.

*