miércoles, 27 de noviembre de 2013

O PSOE de Ordes pedirá que se tipifique ao xabarín como "especie dañina"

Xesús Pedreira buscará o apoio do Pleno para instar á Xunta a non obrigar a agricultores e gandeiros a contribuír economicamente ao Fondo de Corresponsabilidade 

O PSOE de Ordes pedirá que a futura Lei de Caza de Galicia tipifique o xabarín como “especie dañina”, o que permitiría a rápida adopción de medidas de control cinexético para tratar de minorar as perdas económicas e os danos que producen os xabaríns nos cultivos e propiedades dos gandeiros e agricultores do municipio. 

Unha proposta que o grupo municipal socialista presentará mañá xoves diante do Pleno Municipal.

Fondo de Corresponsabilidade
O voceiro socialista, Xesús Pedreira, explica tamén que “nos opoñemos frontalmente á decisión do PP de obrigar a agricultores e gandeiros a contribuír economicamente á dotación do Fondo de Corresponsabilidade que figura no Proxecto de Lei de Caza. É un auténtico disparate e unha burla que se pretenda que as vítimas das desfeitas das manadas de xabaríns sexan os que financien aos cazadores”. 

Neste sentido, os socialistas ordenses lembran que os afectados polos danos da fauna salvaxe e cinexética non cobran ningún tipo de indemnización nin axuda dende que no ano 2010 o Goberno Feijoo eliminara as axudas para os destrozos dos xabaríns nos cultivos. E iso a pesar de que en comarcas como Ordes se teñen rexistrado campañas con danos que representan ata o 10% da colleita.

*