martes, 5 de noviembre de 2013

O PSOE pide recuperar o convenio entre Ordes e Sogama

Xesús Pedreira: "Grazas a eses convenios asinados entre 2007 e 2009 puidemos facer o parque Pilar Martínez Viqueira, instalar illas verdes, limpar os nodos ríos e poñer en marcha o programa Ordes Recicla"

Os socialistas reclamarán tamén unha auditoría económica da planta"

O PSOE de Ordes pide a recuperación do convenio establecido entre o Concello de Ordes e Sogama como contraprestación pola ubicación da planta de lixo e as molestias que ocasiona os veciños e veciñas do municipio. 

Así llo solicitou o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, ao alcalde de Ordes durante a pasada sesión plenaria do mes de outubro.

Un convenio que permitiu investir máis de 300.000 euros en melloras de parques, zonas verdes e campañas de concienciación medioambientais en Ordes entre os anos 2007 e 2009 nos que o PSOE estivo á fronte da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ordes.

A maiores, os socialistas reclamáronlle ao alcalde de Ordes que esixa unha auditoría económica de Sogama e de como xestionan os residuos, de cara a confirmar se incumpren ou non o convenio que reciclaxe que teñen asinado cos Concellos.

Xesús Pedreira (PSOE).
A frase de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSOE de Ordes
“Grazas a eses tres convenios asinados con Sogama, puidemos facer obras tan importantes como o parque Pilar Martínez Viqueira na zona do Paraíso, instalar illas verdes para a recollida selectiva de lixo nas parroquias, limpar os nosos ríos e espazos verdes, recuperar fontes como a do Mesón do Vento ou poñer en marcha programas como Ordes Recicla, polo que sería moi beneficioso para a cidadanía de Ordes recuperar ese convenio”

*