Aseguran que a Alcaldía trasladou á Comisión unha proposta encamiñada a que só unha de cada dez explotacións agropecuarias se
poda acoller ás bonificacións do 95%
O Partido Popular de Ordes informou o pasado sábado que a proposta da Alcaldía de Ordes encamiñada a regular a ordenanza fiscal para a bonificación
do IBI presentada o pasado 25 de outubro na Comisión de Contas e Facenda, logo
de que o Pleno ordinario de setembro acordase impulsar esa bonificación por
unanimidade, trata de boicotear o acordo inicial e unánime da Corporación na
medida en que está repleto de trabas para evitar que boa parte dos potenciais
beneficiarios poidan acollerse a esta rebaixa fiscal.
O Partido Popular de Ordes denuncia así que na Comisión informativa de Contas e
Facenda, o grupo político de Goberno local (UxO) non presentou proposta algunha
para minimizar a subida do IBI, mentres que o informe da Alcaldía, en lugar de
aportar solucións satisfactorias, complica aínda máis a situación, con
esixencias burocráticas de difícil ou imposible cumprimento para os potenciais
solicitantes.
Exclusións
De aplicarse definitivamente a proposta inicial do alcalde, estímase que só
unha de cada dez explotacións agropecuarias se poderían acoller á bonificación
do 95% do IBI no valor das construcións agrarias, mentres que todas as
restantes pasarían a ter unha carga fiscal inasumible nun prazo máximo de dez
anos.
Pero, o verdadeiramente certo é que o Goberno local, siempre segundo o PP de Ordes, busca non aplicar
bonificación algunha as construcións propias das explotacións agrarias, como
quedou de manifesto no anuncio feito polo propio Regos nunha intervención no
pleno ordinario do pasado xoves.
O Partido Popular cuestiona tamén a falta de criterio dos concelleiros do
PSOE e de CideGa, que no Pleno de xuño apoiaron a subida do IBI a aplicar a nova
ponencia de valores, proposta polo equipo de Goberno para o ano 2014; e agora,
a sabendas de que dita subida xa é irreversible para dito exercicio, propuxeron
conxelar ou rebaixar o tipo de gravame fixado nun 0,60%.
Así, os populares denuncian que a suba do IBI fará que nos próximos dez anos os recibos do IBI se incrementen nunha media do 53%.
Por último, aseguran amén que as trabas da Alcaldía afectan tamén á proposta do Grupo Popular para
establecer bonificacións do IBI para as vivendas de familias numerosas ou das
que sexan titulares persoas con discapacidade; e en ningún caso contemplan
bonificar as vivendas do rural que carecen de servizos axeitados (accesos,
abastecemento, saneamento, ...)