miércoles, 9 de abril de 2014

Pedreira: "Gallardón vai eliminar o partido xudicial de Ordes"

O secretario do PSOE de Ordes solicita unha reunión urxente cos voceiros da Corporación municipal

A medida obrigará a trasladarse á Coruña para trámites xudiciais

O grupo municipal socialista do Concello de Ordes pediu este mañá unha reunión urxente dos voceiros da Corporación municipal para analizar e tomar medidas sobre a Lei de Demarcación e de Planta Xudicial, adoptada no último Consello de Ministros e que prexudica moi gravemente os intereses sociais e económicos de Ordes. 

O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, considera que “se cumpriron as nosas peores expectativas e, tal e como advertiramos en novembro de 2013 e en maio de 2012, o ministro Gallardón quere eliminar o partido xudicial de Ordes, o que suporá unha significativa perda para a hostalería e para o comercio ordense, ademais de dificultar o acceso á Xustiza dos veciños e veciñas de Ordes”.

En maio de 2012, a proposta dos socialistas de Ordes e por acordo unánime de todos os grupos municipais, o Concello de Ordes requiriulle ao Consello Xeral do Poder Xudicial que mantivese Ordes como partido xudicial, ao tempo que instaba ao Ministerio de Xustiza a que, no caso de que se tramitase un proxecto de lei que modificase a Lei 38/19988 de 28 de decembro, mantivera nesa reforma o actual partido xudicial de Ordes

Dous xulgados

Ordes conta con dous xulgados nunha sede xudicial que supuxo un importante investimento por parte do Concello de Ordes e a Xunta de Galicia. Uns xulgados que contan con 20 traballadores e celebran uns 3.000 procedementos ao ano

A súa supresión suporía un grave prexuízo para os 32.700 veciños que cada ano requiren dos seus servizos e que se verían obrigados a desprazarse ata A Coruña. Unhas molestias que non só afectarían aos veciños e veciñas de Ordes, xa que compre lembrar que o partido xudicial de Ordes está composto polos concellos de Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra, o que supón unha superficie de 752,94 km2 e 37.604 habitantes.

As frases de Xesús Pedreira, secretario da Agrupación socialista de Ordes
“Polos xulgados de Ordes pasan cada día unha media de 130 persoas e se celebran máis de 3.000 procesos ao ano" 

"Se a sé do xulgado se traslada a Coruña, isto suporía importantes molestias e tamén un maior gasto para os máis de 37.000 veciños da comarca, que terían que desprazarse a máis de 40 quilómetros para facer calquera trámite. Ademais, tamén suporía un novo golpe para o comercio e a hostalería de Ordes, pois moitas desas persoas que acoden aos Xulgados aproveitaban para mercar ou para xantar en Ordes”

“Dende que se coñeceu a decisión do ministro Gallardón, xa ergueron a súa voz cidades como Vigo, Santiago e Ferrol, estas dúas últimas con goberno do propio Partido Popular. Esperamos contar coa mesma implicación por parte do PP ordense”

*