miércoles, 23 de abril de 2014

O PP de Ordes denuncia os riscos da mala sinalización horizontal na vila

Un paso de peóns da vila de Ordes.

Martínez Sanjurjo: "O estado dos pasos de peóns non permite demorar máis tempo a súa reparación"

O PP de Ordes ven de denunciar que a falta de mantemento da sinalización horizontal, especialmente pasos de peóns e bordos, na vila de Ordes, sen repintar na súa maior parte desde hai varios anos, supón un serio risco para a seguridade dos peóns, xa que nalgúns puntos dificilmente se visualizan as marcas no firme, especialmente cando o solo está mollado ou pola noite.

As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do Grupo Municipal Popular de Ordes 
“Desde o PP local pensamos que chegou o momento de arranxar estas carencias: porque o estado dos pasos de peóns non permite demorar máis tempo a súa reparación, e porque superado o inverno, os traballos poden desenvolverse con maiores garantías”


“Sabemos que cando os veciños se queixan do estado de abandono que presentan os equipamentos públicos de Ordes, desde o Concello se argumenta a carencia de recursos, pero non é menos certo que se están investindo cartos en actuacións pouco ou nada necesarias, mentres que intervencións esenciais, como as que afectan á seguridade das persoas foron adiadas indefinidamente nun exercicio de irresponsabilidade difícil de superar”