domingo, 27 de abril de 2014

A Corporación de Ordes rexeita as reformas xudiciais de Gallardón

A proposta foi respaldada por todos os grupos agás o PP que aposta por unha "modificación" da lei

Quedou rexeitada a proposta de creación dun viveiro de empresas no Centro Comarcal

A Corporación Municipal do Concello de Ordes aprobou o pasado xoves a proposta presentada polo Goberno local, na que se lle insta ao Goberno de España a manter o partido xudicial de Ordes

Así, solicítaselle a retirada do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial baseada na existencia dun único tribunal de instancia de ámbito provincial, así como na transferencia a Galicia da competencia sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial

Tamén se lle reclama ao Goberno da Xunta de Galicia a creación dun grupo de traballo para a definición dun modelo adecuado ás particularidades sociais, territoriais e demográficas da Comunidade. 

Tan só o PP se abstivo á hora das votacións alegando que “non é preciso a retirada do anteproxecto de lei senón unha modificación dela co fin de posibilitar a modernización do sistema”.

Pensións e IVE das perruquerías
O PSOE viu prosperar todas as súas mocións. Solicitábase o restablecemento da revalorización das pensións públicas según o establecido no Pacto de  Toledo antes da súa modificación en base á lei 23/2013 de 23 de decembro reguladora do Factor de Sustentabilidade e do índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social. 

Tamén  se instou á reconsideración da aplicación do tipo xeral do IVE no 21% aos servizos de perruquería, volvendo ao tipo reducido do 10%. Por último, e de xeito unánime, decidiuse instar á S.A de Xestión do Plan Xacobeo a retomar o proxecto para construir un albergue na Casa Reitoral do Outeiro, na parroquia de Poulo.

Aforro enerxético
No caso do BNG non se lle aceptou a solicitude de crear unha auditoría para o aforro enerxético no alumeado público, xa que tal e como explicou a tenente de alcalde,  Silvia Marín, “as medidas levadas a cabo ata o de agora supuxeron que a pesar de do incremento nos costes do subministro no se pague máis” ademais tamén se aclarou que “unha auditoría deste tipo só a poden realizar empresas especializadas e habería que saber antes de nada o custo que suporía para as arcas municipais”. 

Viveiro de empresas
Tamén se rexeitou a proposta da creación dun viveiro de empresas no Centro Comarcal, en gran medida debido a que “dende o Concello xa se está habilitando a segunda pranta da praza de abastos para a creación dun centro de emprendemento”. 

Neste aspecto tamén se puntualizou que ata o de agora “todavía se están retirando arquivos e material depositado neste inmoble e que non pertence ao Concello, polo que aínda non se pode acceder e dispoñer de él”. 

Terrazas
No relativo á proposta do BNG de modificar a ordenanza municipal reguladora das terrazas e outras ocupacións de dominio público abriuse a posibilidade de debatilo “máis adiante en comisión” xa que a actual “foi consensuada recentemente entre todos os grupos políticos e é preferible deixar que esté vixente un pouco máis de tempo co fin de concretar detalladamente os defectos que poida presentar”.

Escola infantil
Tras as aclaracións realizadas polo interventor municipal en relación ás facturas da Escola Infantil Sorrisos, rexeitouse a creación dunha comisión para a súa investigación. 

Tal e como se explicou “ao Concello de Ordes non se lle cargou ningunha factura indebida, xa que as informacións aparecidas recentemente na prensa en base ás gravacións efectuadas polo Servizo de Vixianza Aduaneira aluden a “asuntos internos da empresa concesionaria que non nos atinxen”. 

A tenente de alcalde tamén puxo a disposición de todos as facturas existentes e explicou que “a de Ordes é das xestións máis transparentes porque todo se leva a cabo dende o Concello e a contabilidade está baseada polos servizos que se prestan a cada alumno”. 

Sinalización horizontal
Os populares tamén instaron ao Concello a revisar e reparar con urxencia a sinalización horizontal da vila, moción que prosperou.

Servizo de augas

No apartado de rogos tamén se deu conta do informe realizado a petición do alcalde á empresa Espina & Delfín, responsable do subministro de auga potable. Nel concrétase que o pasado día 8 prodúxose a rotura dunha tubería do suministro xeral. 

Unha situación que propiciou a aparición de aire nas conduccións, o que á hora do seu restablecemento  provocou a movemento de sólidos e outras partículas depositadas no fondo de ditas conduccións. 

No informe tamén se precisa a rotura provocada o pasado día 23 dunha tubería ubicada preto dos depósitos de distribución de auga potable. Por todo elo acordáronse medidas baseadas no vaciado e purga continuada dos puntos críticos da rede de suministro, aumentar o control rutinario dos parámetros físicos e químicos da auga destinada a consumo, ademais da atención personalizada aos posibles clientes afectados pola ata turbidez.

*