En 2010 xa se lle fixo chegar á Xunta un proxecto técnico
O PSOE de Ordes proporá no pleno municipal de mañá que a Administración
autonómica retome o proxecto de conversión da antiga casa rectoral do Outeiro,
na parroquia de Poulo, en albergue para peregrinos. A moción,de aprobarse,
dirixiríase á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, na actualidade
integrada na Axencia de Turismo de Galicia.
O portavoz municipal dos socialistas, Xesús Pedreira, explica que o Xacobeo
leva anos con este proxecto paralizado. “No ano 2009, ante o aumento de
peregrinos, o Concello pretendeu atendelos coa dotación deste albergue, e en
2010 fíxolle chegar á Xunta un proxecto técnico”.
O proxecto de albergue suporía un pulo importante na atención dos centos de
peregrinos que percorren o Camiño Inglés cada ano. Na actualidade, o Concello
de Ordes ofrécelles aloxamento nas súas instalacións municipais, pero “o idóneo
sería que dispoñan dun albergue situado ao pé da ruta xacobea”, segundo razoa
Pedreira, que destaca tamén a relevancia económica que teñen os peregrinos para
o sector hosteleiro ordense, tanto na capital municipal como no Mesón do Vento.
Rogos
Por outra parte, o líder socialista ordense empregará a quenda de rogos do
pleno para emprazar ao Goberno municipal a explicar en que fase se atopa a
entrada efectiva de Ordes no sistema de Transporte Metropolitano das áreas de
Santiago e da Coruña.
Ademais, Pedreira solicitará o arranxo da entrada do paseo fluvial do río
Mercurín desde o Punto de Atención Continuada (PAC), na vila de Ordes, para que
cando chova non haxa estancamentos de auga que impidan o acceso.
Por último, os socialistas vanse interesar na sesión de mañá pola
verificación dos recibos abonados polo Concello ás compañías eléctricas.
Pedreira preguntará se se procedeu a examinalos para determinar se a contía é
correcta.
“De non ser así, haberá que pedir a súa devolución, xa que hai varios Concellos que viron incrementada a súa factura eléctrica sen motivos de gasto reais e xa reclamaron os importes pagados inxustamente”, manifesta Pedreira.
*
“De non ser así, haberá que pedir a súa devolución, xa que hai varios Concellos que viron incrementada a súa factura eléctrica sen motivos de gasto reais e xa reclamaron os importes pagados inxustamente”, manifesta Pedreira.
*