Martínez Sanjurjo (PP) reuniuse esta mañá na Coruña co Xerente Rexional do Catastro, quen lle confirmou que nos próximos días remitirán aos afectados os documentos correctos
O Partido Popular de Ordes anunciou hoxe que a Deputación
de A Coruña deixará sen efecto, con carácter inmediato, logo da comunicación
por parte da Xerencia Rexional do Catastro, os recibos erróneos do IBI 2013 enviados
estes días a preto de 200 veciños de Ordes e que, por incluír
unha valoración catastral e base liquidable incorrectas, implicaban liquidacións
moi elevadas.
Así
llo anunciou esta mañá o Xerente Rexional do Catastro ao portavoz municipal do
PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, no transcurso dunha reunión celebrada
na Coruña e solicitada polo voceiro popular.
Notificacións correctas
Os
veciños afectados recibirán nas vindeiras semanas a notificación correcta por
parte da Deputación da Coruña, organismo ao que o Concello de Ordes lle ten
encomendada a labor de recadación do IBI, xa co erro subsanado, e así poder
efectuar o pagamento do referido imposto en período voluntario.
Recordan
os populares, que os erros detectados gardan relación coa incorporación ao pago
de bens inmobles non suxeitos no exercicio 2012, e da valoración de superficie
de solo rústico como urbano.
Na maior parte dos casos trátase de bens inmobles
situados en solo de núcleo rural que se liquidan cun recibo de urbana, pero
tamén se incorporan a estes recibos valores de construcións agrícolas
(establos, alpendres, cobertizos, ...) que se propoñía liquidar como de uso
industrial.
Achegarse ao Concello
Para
maior seguridade, o PP de Ordes, recomenda a tódolos contribuíntes que
recibiron a notificación de liquidación por correo certificado nos pasados
días, con un importe a ingresar inadecuado, que se acheguen aos departamentos
municipais a ratificar que a súa liquidación se atopa recollida entre a relación
de erros detectada pola Xerencia Rexional do Catastro, e que xa foi enviada ao
Concello este mesmo martes.
Finalmente,
e en correlación dos erros mencionados coas notificacións da ponencia de
valores do próximo exercicio 2014, a Xerencia Rexional rectificará de oficio o valor base de tódalas notificacións
incorrectas, que permitirá que tódolos contribuíntes afectados teñan dereito as
reducións establecidas para o período 2014-2023.
*