lunes, 23 de septiembre de 2013

O PP de Ordes a favor de reducir o IBI no rural, discapacitados, familias numerosas e ONGs


Os populares tratan de frear a subida “brutal” que o Goberno municipal "aplica unilateralmente que se traducirá nun incremento global medio do 53% en 10 anos, período 2014-2023"

Sanjurjo: "Que o alcalde deixe de enganar e recoñeza que a petición da revisión e posterior subida da contribución é unha competencia municipal impulsada por UXO a finais de 2011"

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que proporá no vindeiro Pleno unha reforma na ordenanza fiscal de bens inmobles –acorde co vixente marco lexislativo- que permita reducir o importe dos recibos do IBI que se aplica ás edificacións de explotacións agrarias, ás vivendas propiedade de discapacitados, ás vivendas de familias numerosas; así como a exención para os bens propios das entidades sen ánimo de lucro. 

Con esta proposta o PP trata de minimizar con bonificacións e exencións o importe da “brutal” subida da “contribución” aprobada polo Goberno local e que se traducirá nun incremento global medio do 53% en 10 anos.

A proposta que o Partido Popular de Ordes defenderá no Pleno consistiría en modificar a ordenanza fiscal nº 1 coa inclusión de unha redución do 95% da base liquidable para as edificacións propias das explotacións agrícolas e gandeiras do municipio que presenten o código de uso agrario, como cortes, pendellos, almacéns de maquinaria, hórreos, silos cubertos, etc; sempre que se atopen nunha situación urbanística regularizada.

Quedarían exentas desta bonificación as edificacións de uso residencial ou vinculadas ao mesmo.

Vivendas habituais
A moción do Partido Popular propón tamén o establecemento de tramos de bonificacións do IBI para as vivendas habituais das que sexa titular catastral unha persoa con discapacidade en grado igual ou superior ao 33%. 

A tal efecto, proponse que a dedución a aplicar sexa proporcional ao grao de discapacidade recoñecida e que se aplique a só unha vivenda por persoa con discapacidade. No suposto de convivir dúas persoas con discapacidade empadroadas nun mesmo domicilio, a bonificación poderá alcanzar o máximo dun 95%.

No derradeiro apartado de bonificacións, tamén defenderá o Partido Popular na súa moción a iniciativa de modificar o actual texto da ordenanza fiscal nº 1, para establecer novos tramos de dedución en función do valor catastral do ben inmoble –vivenda habitual- de uso residencial titularidade de suxeitos pasivos empadroados no Concello de Ordes que ostenten a condición de cabeza de familia numerosa.

O Partido Popular tamén proporá que se aplique a exención permitida pola lei para os locais (bens inmobles) dos que sexan titulares asociacións veciñais, culturais, deportivas ou calquera outra que nos seus estatutos recollan como finalidade o desenvolvemento de actividades "sen ánimo de lucro".

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"O alcalde debe deixar de enganar aos veciños que estes días se achegan ás oficinas municipais para protestar polo importe dos recibos da 'contribución', dado que a revisión dos valores catrastais e a subida do IBI é unha competencia exclusivamente municipal, que foi impulsada por UXO, como acreditan as actas dos plenos"

"Os veciños que estes días recibiran liquidacións do IBI 2013 con subidas excesivamente elevadas, deben comprobar os datos –referencia catastral- no Concello antes de efectuar o pagamento, xa que os recibos erróneos foron anulados e serán enviados de novo, xa cos datos correctos, en datas próximas"

*