martes, 10 de septiembre de 2013

O PP de Ordes denuncia unha "brutal suba" do IBI impulsada por UxO e PSOE


Martínez Sanjurjo: "Regos xerou unha débeda superior aos nove millóns de euros, o que supón unha pesada hipoteca ata o ano 2022"

"A Deputación da Coruña non ten responsabilidade algunha xa que  é un imposto exclusivamente municipal"

O PP de Ordes informou hoxe de que o alcalde de Ordes continúa "enganando aos veciños", ao "ocultarlles que a brutal suba do IBI", que os populares cifran en torno ao 53% en 10 anos, foi decidida unilateralmente polo pleno da Corporación municipal o Concello, cos votos a favor de UXO e PSOE.

O PP de Ordes aclara tamén que a Deputación da Coruña non ten responsabilidade algunha nesta subida, xa que o IBI é un imposto exclusivamente municipal no que a administración provincial se limita a recadar os importes acordados polo pleno corporativo. 

Economías domésticas
O Partido Popular asegura así que volverá reclamar no vindeiro Pleno que o alcalde explique por que decidiu solicitar a revisión de valores catastrais a finais de 2011, nun momento de intensa crise económica, e a sabendas de que a suba do IBI ía provocar un notable quebranto sobre as economías domésticas.

Gravames 2006-2013
No seguinte cadro, exprésanse os gravames que se aplicaban no ano 2006 antes da chegada de Manuel Regos á Alcaldía, no presente ano 2013, e no vindeiro ano 2014 onde comezan a aplicarse os novos valores catastrais, resultado da valoración colectiva nos bens do noso Concello impulsada por UXO.

Tipo/gravame
2006
2013
2014 (ponencia)
Urbana
0,40%
0.6171%
0,60%

Exemplo
A modo de exemplo, mentres que un ben inmoble (casa, piso, nave, solar, garaxe, almacén, ...) cun valor catastral de 50.000 euros pagou en 2006 un total de 200 euros de IBI aplicando o gravame de entón do 0,40%, no presente exercicio 2013, ese imposto terá medrado en 108,55 euros, un 54,27%, resultado de aplicar o gravame do 0,6171%, e que dará como resultado un recibo de 308,55 euros.

De  cara ao futuro inmediato, logo da suba de base liquidable derivada da nova valoración colectiva, e do tipo de gravame aprobado polo pleno, cos votos en contra do PP, para o ano 2022, esa mesma vivenda tributará en torno a 472 euros; un 236% do ingresado en 2006.

Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
"Manuel Regos xerou unha débeda superior aos nove millóns de euros, sen incluír xuros, o que supón unha pesada hipoteca que todos os veciños deberán seguir pagando ata o ano 2022. E, mentres, duplicou amplamente a recadación de impostos en pouco mais de seis anos"

“Á vista de que o Concello de Ordes provocou un burato de máis de 9 millóns de euros ao tempo que duplicou o importe dos impostos recadados, resulta imposible entender o pésimo estado de todos os servizos e equipamentos de titularidade municipal, ¿que maniobras fixo o alcalde con tantos cartos?”

*