Proporán
unha redución do imposto para as vivendas habitadas e unha suba para ás
deshabitadas, bonificacións aos desempregados e pensións baixas,
pago fraccionado e asesoramento urbanístico municipal
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, anunciou hoxe a presentación dunha moción no pleno que se celebrará o vindeiro xoves na que
proporán diversas medidas para paliar a desproporcionada suba do Imposto de
Bens Inmobles (IBI) acometida no Concello de Ordes, que se ten visto afectado
por unha revisión catastral que elevará nun 50% de media do citado imposto.
A proposta do BNG
de Ordes inclúe unha bonificación do IBI nas vivendas habitadas e unha suba do
imposto nas deshabitadas, co obxectivo de “favorecer ás persoas que compran un
inmóbel para destinalo a vivenda habitual, fronte ás operacións puramente
inversionistas ou especulativas”, segundo afirmou Recouso.
Outra das
propostas do BNG consiste no establecemento de bonificacións no IBI a pagar por
desempregados ou persoas con pensións baixas.
Tamén proporán que “as vivendas rurais sen servizo público de abastecemento de
auga potábel e saneamento vexan bonificado o seu IBI, en aras de evitar unha
discriminación coas que si gozan destes servizos e que actualmente tributan
todas por igual.”
O BNG proporá
tamén que se estableza un pago fraccionado do IBI en tres prazos cuadrimestrais.
Ramiro Recouso (BNG). |
As frases de Ramiro Recouso, portavoz do BNG de Ordes
“A vila de Ordes conta cun 40% das súas vivendas deshabitadas, polo que o réxime tributario máis favorábel das vivendas habitadas impulsará tamén o mercado de aluguer na nosa vila, actualmente moi paralizado”
"Proporemos que se habilite a oficina de urbanismo do
Concello de Ordes para asesorar aos veciños na presentación de alegacións ás
revisións catastrais, elaborando os informes e ditames que sexan necesarios
para as mesmas, evitando que os veciños teñan que asumir un custo elevado na
presentación de alegacións aos erros manifestos que teñen numerosas revisións
catastrais”
*