miércoles, 25 de septiembre de 2013

O PSOE de Ordes, en contra do copago sanitario



Xesús Pedreira: “Se trata dun atropelo que van sufrir moitos veciños con enfermidades crónicas”    

O PSOE de Ordes instará mañá xoves ao pleno municipal a posicionarse contra o copago sanitario aprobado recentemente polo Ministerio de Sanidade e que afectará a preto de 200 medicamentos dende o vindeiro 1 de outubro. 

Os socialistas pedirán o apoio do resto de grupos municipais para instar ao presidente da Xunta de Galicia a non adoptar este copago para pacientes con tratamento oncolóxico, hepatites crónicas, esclerose múltiple e outras enfermidades, cuxos medicamentos lles eran dispensados sen custo. 

Así mesmo, o PSOE de Ordes pedirá que se inste á ministra de Sanidade a retirar este copagamento ou a dimitir, en caso contrario.

Melloras no tráfico

Por outra banda, o PSOE ordense presentará diante do pleno unha batería de pequenas melloras para os veciños e veciñas de Ordes. Así, solicitará un novo cambio na sinalización horizontal en Santa Cruz de Montaos, concretamente a reposición da liña descontinua diante do Hotel Santa Cruz de Montaos. 

O cambio feito por Demarcación de Estradas do Estado en Galicia está a ocasionar perdas económicas a este establecemento, xa que impide o xiro dos clientes procedentes de Santiago, que teñen que desprazarse ata Guindiboo para poder xirar. 

Así mesmo, os socialistas instarán ao alcalde a que volva a esixirlle á Deputación o arranxo da rodeira focha na rúa do Recreo, antes de que remate a garantía desta obra.

Os socialistas tamén pedirán o arranxo dunha farola do parque Pilar Martínez, na zona do Paraíso, que non está ben suxeita pola base e corre risco de caer. 

Ademais, solicitarán a retirada do antigo escudo de Ordes da fachada da Casa Consistorial e a súa substitución polo escudo oficial. O escudo que hoxe está na casa consistorial sería trasladado ao Museo Juanjo Liñares.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“O copago sanitario se trata dun atropelo do Goberno do PP que van sufrir moitos veciños con enfermidades crónicas e do que nos enteramos polo BOE, xa que a ministra de Sanidade ocultouno na súa comparecencia no Congreso dos Deputados”

*