martes, 17 de septiembre de 2013

O PSOE logra habilitar no Concello unha oficina de reclamación polo asunto do IBI


O alcalde asegura que trátase dun "erro informático" que  a Deputación lle trasladou a Facenda 

Pedreira: "O IBI resulta especialmente inasumible nestas explotacións do sector primario"

O PSOE de Ordes afirmou hoxe en nota de prenda que o secretario xeral da Agrupación Socialista, Xesús Pedreira, conseguiu que o Goberno municipal habilite unha oficina específica para atender as reclamacións dos numerosos afectados polos erros nos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que estes días os veciños están recibindo nas súas casas con cantidades desorbitadas ou cunha calificación equivocada do ben inmoble ao que se lle aplica o imposto. 

Pedreira reuniuse esta mesma mañá co alcalde de Ordes, Manuel Regos, para emprazalo a solucionar con urxencia esta cuestión. 

O rexedor explicoulle ao edil socialista que os problemas cos recibos se deben a “un erro informático na información que a Deputación da Coruña lle trasladou a Facenda sobre a nova ponencia de valores catastrais do municipio, á súa vez preparada por unha empresa contratada pola administración provincial”.

Ante esta situación, os socialistas recoméndanlles aos veciños que acudan á oficina específica, que desde mañá mesmo recollerá e tramitará as reclamacións, se observan calquera anomalía nos seus recibos, tanto nas contías que se lles pretenden cobrar como na cualificación dos seus bens.

Explotacións agrícolas e gandeiras
Por outra parte, Xesús Pedreira constatou no encontro desta mañá que o Goberno local aprazou ata o vindeiro ano a aplicación dunha bonificación do 95%, o máximo que permite a lei, no IBI das explotacións agrícolas e gandeiras. 

Os socialistas ordenses consideran que o Goberno incumpre deste xeito o seu compromiso, adquirido no pleno municipal do pasado mes de xuño a raíz dunha proposta formulada polo propio grupo municipal do PSOE.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes 
"O IBI resulta especialmente inasumible nestas explotacións do sector primario, xa que polas características especiais das súas construcións, con amplas superficies cubertas, teñen unha base impositiva maior"

"A eso hai que engadir a crise estrutural do sector leiteiro, con prezos que practicamente non cobren os custos de produción" 

“Se o Concello lles aplica o IBI nas condicións nas que lles están chegando estes días os recibos, non fará outra cousa que darlles a puntilla a moitas explotacións que están loitando pola supervivencia, nun sector que é fundamental para o municipio”

*