lunes, 23 de septiembre de 2013

O PSOE de Ordes denuncia faltas de puntualidade nos autobuses a Santiago e A Coruña


Montaos, Mesón do Vento, Leira e Vila de Ordes, as poboacións máis afectadas

Pedreira: "Non podemos consentir que veciños do Mesón do Vento se vexan obrigados a trasladarse ata Carral para ir coller o autobús"

O PSOE de Ordes denunciou hoxe os problemas que lles están a ocasionar aos veciños e veciñas do municipio a reiterada falta de puntualidade e a redución de servizos no transporte de viaxeiros por estrada entre Ordes e Santiago

Facéndose eco das numerosas denuncias recibidas, os socialistas ordenses presentarán unha moción no pleno deste xoves para esixirlle á Dirección Xeral de Mobilidade que obrigue á empresa concesionaria a cumprir os horarios establecidos e que acelere a entrada de Ordes no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, de xeito que poda asinarse o convenio de adhesión antes de rematar o 2013.

Tamén os socialistas ordenses instarán ao alcalde, Manuel Regos, a que se comprometa a tramitar as reclamacións dos usuarios diante da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia mentres non se solucionen os problemas de mobilidade que afectan aos veciños e veciñas de Ordes.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Un importante número de veciños, sobre todo do Mesón do Vento, da Vila de Ordes, de Leira e de Santa Cruz de Montaos, denuncian a falta de puntualidade horaria e a redución das frecuencias no servizo de transporte de viaxeiros entre Ordes e Santiago"

"Esta situación está a ocasionarlles importantes molestias, especialmente no ámbito laboral, xa que moitos están a chegar tarde aos seus traballos por culpa dun transporte deficiente

“No traxecto Coruña-Santiago, algúns dos servizos que se tiñan que facer por estrada estanse a facer pola AP-9 ata Ordes, polo que localidades como Mesón do Vento ou Leira quedan sen servizo. E o mesmo pasa co traxecto Santiago-Coruña, no que se fai por autoestrada o camiño ata Ordes, quedando os veciños de Santa Cruz de Montaos sen servizo de autobús”

“Hoxe é máis necesario ca nunca que Ordes entre a formar parte do Plan de Transporte Metropolitano, pois non podemos consentir que veciños do Mesón do Vento se vexan obrigados a trasladarse ata Carral para ir coller o autobús”

*