miércoles, 25 de septiembre de 2013

O PP de Ordes reclama explicacións sobre a ampliación do cemiterio do Balado


Os populares pedirán tamén bonificacións no IBI no agro, discapacitados, familias numerosas e ONGs

No Pleno Municipal que se celebrará este xoves en Ordes, o Partido Popular reclamará que o Goberno local explique as anomalías detectadas nas obras de ampliación do cemiterio municipal do Balado que se están a executar neste momento.

Na nova mazá de panteóns que se están a construír, e na que cada columna debería estar integrada por catro nichos e un cinceiro convencional, o cinceiro executado consiste en unha arqueta prefabricada de formigón de 45 x 45 cm, posibilidade que nada ten que ver coa configuración histórica dos diferentes cemiterios parroquiais. 

Sen embargo, o Concello cobrará aos adquirentes dos novos panteóns o dereito de aproveitamento dun cinceiro convencional que, unilateralmente, e sen consultar aos futuros donos, foi substituído por unha arqueta que dificilmente poderá cumprir a finalidade deste tipo de dotacións.

IBI
O Partido Popular defenderá tamén unha moción coa que pretende que o Concello de Ordes modifique a correspondente  ordenanza fiscal de cara a reducir o importe dos recibos do IBI para edificacións de explotacións agrarias, das vivendas propiedade de discapacitados e de familias numerosas; así como a exención para os bens propios das entidades sen ánimo de lucro. 

Sen contar coas notificacións erróneas do ano 2013 enviadas en datas recentes, a recente ponencia de valores e o tipo de gravame aprobado polo Concello de Ordes fará que o IBI medre un 53% de media en dez anos.

Rogos
  • Para evitar o uso indebido dos vehículos municipais por parte de  persoas alleas ao cadro de persoal do Concello.
  • Para instalar unha marquesiña no lugar de O Souto (Beán), facilitando as esperas dos nenos que utilizan o transporte escolar.
  • Para que o Concello revise, repare e pinte os pasos de peóns deteriorados.
  • Para que o Concello dea a coñecer o custe total das festas patronais de Ordes celebradas en agosto e informe sobre a achega municipal e as doazóns recibidas.
  • Para que o Concello reclame da empresa titular da vía o mantemento da estrada que comunica os encoros de San Cosmade e o de Vilagudín.
  • Para desbrozar e reparar o camiño que discorre preto da estrada de Carballo e que enlaza o núcleo de O Balado co tanatorio municipal, a través do Punto Limpo.
Preguntas
  • Sobre o importe dunha factura aboada en concepto de mantemento da piscina climatizada municipal, e sobre os prazos previstos para a realización de obras de mellora nestas instalacións.
  • Sobre a aportación, material e económica, efectuada polo Concello ao festival celebrado no campo da feira a finais de agosto.
  • Sobre as fochancas aparecidas na Rolda Leste cando transcorreu pouco máis de un ano desde o remate das obras contratadas polo Concello. 
*