Demandan no Pleno que se acometan tarefas de mantemento e
limpeza de beirarrúas e farois en diferentes puntos do núcleo urbano
O Partido Popular de
Ordes presentou no Pleno ordinario de hoxe unha batería de rogos
encamiñados a impulsar o arranxo de equipamentos públicos necesitados de
mantemento urxente, como beirarrúas e puntos de luz.
O Grupo Municipal Popular insta ao
Concello arranxar os tramos de beirarrúas estragados nas rúas Campeiras e Parque Municipal (nestes dous casos fronte a
obras paralizadas desde hai tempo), a arranxar outro tramo da rúa Campeiras
(nas dúas marxes), no que a maleza chega ata o mesmo borde da calzada; e a repasar a totalidade dos traballos de
revisión de arquetas efectuados na Rúa do Recreo.
No referido ao alumeado
público, o PP reclamará o arranxo e posta en servizo dos farois estragados e fóra de servizo desde
hai varias semanas na rúa Compostela; así como a revisión dos puntos de luz da
avenida de Alfonso Senra, algún dos cales presenta incluso risco de desprendemento.
Paralelamente, o Grupo
Municipal do Partido Popular de Ordes defenderá unha moción para instar ao
equipo de Goberno a habilitar novas áreas de estacionamento no centro da vila e
a arranxar as dispoñibles na actualidade, moi deterioradas polas fochancas e a
ausencia de mantemento axeitado.
Outros rogos
- Instar á empresa encargada da recollida do lixo a colocar os contedores
nos elementos de suxeición instalados a tal efecto.
- Dado que as recentes chuvias provocaron problemas na evacuación de
pluviais pola acumulación de restos vexetais triturados procedentes dos
traballos de desbroce, instar aos operarios encargados deste traballos a
mellorar a técnica empregada, efectuando tamén o mantemento de taxeas e
cunetas da rede viaria municipal.
- En datas recentes, unha empresa dedicada á minería aproveitou o
mineral existente no subsolo dun predio de titularidade municipal situado na parroquia de Barbeiros, sen
que exista constancia da concesión de aproveitamento. Por iso, o PP pide
información sobre a cantidade percibida polo Concello e sobre o acordo que
permitiu a ocupación, remoción e aproveitamento do subsolo.
- O proxecto de execución do muro
e beirarrúa elevada da piscina municipal do campo da feira, financiado pola
Xunta a finais de 2011, contemplaba a execución dunha cafetería da que
polo de agora non se teñen noticias. Transcorridos máis de dous anos desde
entón, o PP pide información sobre a hipotética modificación do proxecto.
- Reitérase a petición de efectuar o mantemento integral de todas as
“illas verdes” existentes nas diferentes parroquias de Ordes, antes de que
a deterioración que presentan resulte irreversible.
- Rogo para que o Concello desbroce as vías paralelas aos terreos de
ADIF na parroquia de Lesta e que na actualidade están pechadas pola
maleza. Estas pistas dan acceso a predios rústicos situados ao carón da
trazado de alta velocidade ferroviaria.
- Rogo para que o Concello informe sobre as previsións para cubrir a
praza de conserxe no CEIP Campomaior, que quedou vacante por xubilación.
- Rogo para que se informe dos pasos a seguir por parte do Concello na
praza do mercado local logo de que se rexeitara o recurso de unha
praceira.
*