martes, 3 de junio de 2014

O PP alerta do "pésimo estado" das beirarrúas de Ordes

Estado dunha arqueta na zona de Vista Alegre, denunciado polo PP de Ordes.
Martínez Sanjurjo avanza que reclamará o proxecto de substitución de farolas para estudar posibles solucións

O Partido Popular de Ordes denunciou o pasado 31 de maio que a substitución de farolas efectuada o ano paso en diferentes rúas de Ordes ao abeiro dunha liña de axudas da Xunta de Galicia para o aforro enerxético saldouse con múltiples arquetas eléctricas baleiras e sen selar que supoñen un elevado risco para os peóns, especialmente para os nenos e maiores do noso municipio.

A maiores, o Partido Popular denuncia o deficiente estado de conservación que presentan a maior parte das beirarrúas da vila de Ordes, con losetas mal colocadas ou soltas que co paso do tempo acaban escachando, co conseguinte risco para os usuarios da vía pública. 

Estado dunha beirarrúa do Recreo.

Reclamacións patrimoniais
O voceiro popular, José Luis Martínez Sanjurjo, desvela que no Concello se acumulan reclamacións patrimoniais de usuarios por danos nos seus vehículos como consecuencia do pésimo estado de conservación da maior parte da  rede viaria municipal e agora cabe a posibilidade de que as fochancas nas beirarrúas provoquen lesións aos veciños, o que xeraría novas demandas.

O Partido Popular reclamará a vindeira semana o proxecto de substitución de farolas executado en Ordes para comprobar que solución contemplaba para as  arquetas dos anteriores puntos de luz. 

Con todo, considera que o sucedido é responsabilidade directa do alcalde e do seu concelleiro de obras, ben por consentir e alentar unha execución neglixente das obras, ben por non contemplar unha solución que evitase riscos como os que padecen agora o os usuarios das rúas que presentan arquetas baleiras e sen selar.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro municipal do PP de Ordes
"A mala execución das obras, consentida polo Concello e contratadas xeralmente con empresas do círculo pechado do alcalde, atenta non só contra o patrimonio municipal, senón que poñen en risco a integridade física dos veciños”

*