miércoles, 25 de junio de 2014

Fomento aceptou as petición do PSOE de Ordes e mellorará o pavimento da N-550

Pedreira: ""A situación é especialmente grave diante do número 143 da avenida de Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133"

Os socialistas pedirán no próximo pleno unha batería de melloras viarias

O Ministerio de Fomento vén de aceptar as reclamacións formuladas pola Agrupación Socialista de Ordes e anuncia que mellorará o pavimento da N-550 na avenida de Alfonso Senra

Unha actuación que está contemplada nun proxecto de reforzo de firmes xa redactado e que “se está adaptando con criterio de eficiencia”, segundo a resposta escrita do Goberno ao senador socialista Francisco Javier Losada de Aspiazu.

A pesar da evidente degradación do firme na N-550 ao seu paso por Ordes, en especial diante da Alameda, o Ministerio de Fomento insiste en que “su estado de conservación es correcto, al tratarse de un pavimento rígido, con mayor durabilidad en el tiempo” e se escuda na Rolda Leste para xustificar que o desvío do tráfico pesado xera menores deterioros no firme. 

Beirarrúas
Sen embargo, o voceiro muncipal socialista, Xesús Pedreira, bota en falta que Fomento “aínda non se pronunciara sobre a necesidade de remodelar as beirarrúas que bordean esta travesía, para que cumpran coa legalidade vixente e garantan a seguridade viaria tanto para o tráfico rodado como, especialmente, para os peóns”. 

Neste sentido, os socialistas ordenses aínda están á espera dunha resposta de Fomento á Proposición non de Lei rexistrada polos deputados socialistas Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo en marzo de 2014. Unha proposta que conta co respaldo unánime do pleno municipal.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, sinala que “estamos satisfeitos de que Fomento teña previsto mellorar o pavimento na avenida de Alfonso Senra, pero negar que as placas de cemento están separadas e que o firme está descompensado amosa un gran descoñecemento da situación sobre o térreo”.

Rede viaria
Por outra banda, os socialistas ordenses presentarán na sesión plenaria deste xoves unha batería de propostas de mellora da rede viaria ordense. Así, pedirán o pintado da estrada entre o cruce de Vilasuso-Bean e o límite de Oroso (dirección Deixebre), aglomerada no seu día a petición dos socialistas ordenses pero que aínda está sen pintar no seu tramo de Ordes. 

Así mesmo, os socialistas pedirán o desbroce doutra pista próxima, que vai dende a estrada de Vilasuso a Deixebre e a Casas do Monte (Beán), que leva dous anos sen desbrozar e fai que a circulación sexa máis complicada.

Por último, os socialistas faranse eco das reclamacións dos veciños das parroquias de Poulo e de Pereira e solicitaranlle ao Concello o incremento da sinalización vertical e horizontal no cruce entre a CP-3802 Ordes-Pontecarreira e a estrada que vai de Poulo a Pereira, no lugar de Carballo.

As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal socialista de Ordes
“Hai varios puntos da avenida Alfonso Senra onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos” 

"A situación é especialmente grave diante do número 143 da rúa Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133, que incumpren o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación.

*