jueves, 2 de agosto de 2012

PP, BNG e CideGa rexeitan as contas do Concello de Ordes do 2011

Martínez Sanjurjo: "Votamos en contra porque o Goberno está a desenvolver unha política orzamentaria insostible"


Castro: "O noso voto é negativo pola sospeita da existencia de gastos de difícil xustificación"


Os votos do grupo do Goberno municipal (UxO) e do PSdG-PSOE non foron suficientes para que esta mañá a corporación municipal do Concello de Ordes, reunida en pleno extraordinario, dera luz verde ás contas anuais correspondentes ao exercicio 2011. Os votos en contra do Partido Popular, BNG e CideGa imposibilitaron a súa aprobación. 


José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes, explicou que o o seu grupo rexeitou a proposta por entender que o equipo de Goberno local "está a desenvolver unha política orzamentaria insostible, carente de rigor e que conduce ao Concello ao abismo orzamentario".


Martínez Sanjurjo argumentou que, á vista do informe elaborado polo interventor municipal, "o Concello de Ordes se atopa nunha situación de insolvencia, non é capaz de pagar aos proveedores durante o prazo estipulado pola lei e mesmo acumulaba obrigas pendentes de anos anteriores ao exercicio 2011".


Os populares tamén criticaron as asignacións económicas que perciben os concelleiros de Goberno por asistencias á xunta local e que calificaron de "inaceptables". A xuízo de Martínez Sanjurjo, o alcalde e o equipo de Goberno de Ordes "non están á altura das circunstancias, dado que están máis pendentes dos seus intereses que dos intereses xerais do concello e dos seus veciños".


BNG
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castromanifestou que “o alcalde convocou o Pleno durante as vacacións do interventor municipal, para evitar que este confirmase no Pleno a certeza das afirmacións do BNG”. 

Castro xustificou o voto en contra do BNG  “no contido dun informe da intervención municipal sobre a conta xeral de 2011, que confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se incluiron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e do seu Goberno”.

Castro preguntouse “que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos, e non se destina nin un euro á creación de emprego?, en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro?”.

*