miércoles, 1 de agosto de 2012

Castro: "En que se está a gastar esta cantidade inxente de diñeiro?"

O BNG votará mañá non á conta xeral 2011

O nacionalista considera que existe máis dun millón de euros non contabilizados nos orzamentos do pasado exercicio

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, anunciou hoxe o voto en contra do seu grupo político á liquidación da Conta Xeral de 2011, que será debatida no Pleno Extraordinario convocado mañá xoves, 2 de agosto, ás 10:00 horas.

Castro afirmou que o informe da intervención municipal sobre a Conta Xeral de 2011 “confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se contabilizaron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e o seu Goberno”

Gonzalo Castro salientou tamén que “o informe da intervención municipal advirte do total incumprimento do plan de saneamento aprobado pola Corporación en 2009 e da existencia dunha débeda acumulada de máis de dez millóns de euros, perto de 800 euros por habitante, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”

Gonzalo Castro.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O contido da liquidación ven a evidenciar, unha vez máis, a existencia dunha xestión caótica por parte do alcalde e o seu goberno, co estrago de recursos públicos de forma absolutamente irresponsábel, e o que é peor sen que se teñan mellorado os servizos públicos do noso Concello, se non todo o contrario”.

“Que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos públicos no noso concello?"

"En que se está a gastar esta cantidade inxente de diñeiro?”.

*